FADEMGA advirte dunha situación límite nos seus centros e anuncia mobilizacións ante a Xunta e o Parlamento

A Federación denuncia o incumprimento do Concerto Social e advirte que a falta dun financiamento real pode abocar ao peche de centros e residencias en toda Galicia.

FADEMGA advirte dunha situación límite nos seus centros e anuncia mobilizacións ante a Xunta e o Parlamento

FADEMGA Plena inclusión Galicia encendeu hoxe as alarmas ante a grave situación económica que atravesan as entidades galegas que prestan servizos públicos ás persoas con discapacidade intelectual. Nunha rolda de prensa ofrecida polo presidente da Federación, Eladio Fernández Pérez, e polo xerente, Manel Fernández, a organización advertiu que “o sistema de atención está ao bordo do colapso” pola falta dun financiamento axeitado e o incumprimento do Concerto Social por parte da Xunta de Galicia.

“A Xunta está incumprindo o Concierto Social”

FADEMGA lembrou que Galicia é a cuarta comunidade autónoma que recibe maior porcentaxe de financiamento do Estado para Dependencia, o 34,89% (despois de La Rioja, Castilla y León e Andalucía.)

“Que fai a Xunta de Galicia con eses fondos? Por que se recorta na partida autonómica?”, preguntou Eladio Fernández. “Non o sabemos, pero o resultado é que a situación da Dependencia é hoxe deplorable”.

A Federación lembra que o Concerto Social, asinado pola propia Xunta, compromete á Administración a cubrir o custo real da prestación dos servizos públicos concertados. Porén, “os módulos económicos permanecen conxelados, mentres os custos salariais, a inflación e o SMI non deixan de medrar”, denunciou o xerente, Manel Fernández.

As entidades están asumindo en solitario os sobrecustos

Segundo datos da Federación, FADEMGA xestiona 2.813 prazas públicas das 5.188 existentes en Galicia, e presta servizo a máis de 3.000 persoas con discapacidade intelectual en residencias, centros ocupacionais, vivendas e centros de día. Non obstante, a Xunta “segue sen responder ás múltiples advertencias” da Federación sobre o incremento derivado do novo Convenio Colectivo estatal, que supón un aumento salarial do 10%, ademáis dunha inflación acumulada do 10,5% e dun SMI un 18,4% superior ao de hai tres anos. “A Administración foi advertida, pero non dotou orzamento para asumir ese incremento”, explicou Manel Fernández.

“A súa proposta actual nin sequera chega ao 6% nas prazas de atención diurna nin ao 7% nas residenciais. As entidades están soportando en solitario este sobrecusto, cando por Lei e polo Decreto que regula o Concerto Social, é a Xunta quen debe garantir o custo real dos servizos”.

“Estamos poñendo en risco a seguridade dos usuarios e dos traballadores”

O presidente da Federación alertou tamén de que a Consellería “está derivando persoas que non encaixan nos servizos concertados, aproveitando que FADEMGA é quen ten o custo praza máis baixo en toda Galicia”.

“Estamos poñendo en risco non só aos traballadores, senón tamén ás persoas usuarias”, advertiu. “Hai persoas que precisan outros apoios e os nosos centros non están habilitados para prestar ese servizo. Non dicimos que non haxa que atendelas, dicimos que hai que poñer medios, crear servizos e dotar orzamentos. Coas condicións actuais, non é posible”.

Mobilizacións a partir do 29 de outubro

Tras unha asemblea xeral celebrada onte coas entidades federadas, FADEMGA anunciou un calendario de mobilizacións que comezará o 29 de outubro, cunha acción simbólica de rodeo en furgonetas á sede administrativa de San Caetano e unha concentración de familias ante a Consellería de Política Social.

A partir dese día, as mobilizacións repetiranse cada xoves, coas entidades e familias rodeando o Parlamento de Galicia ata que a Xunta se sente a negociar.

“Non vale que acorde cousas con outras organizacións”, advertiu Eladio Fernández. “Con nós ten que falar directamente, porque ninguén falará por nós. A Conselleira e o Presidente teñen nos seus correos todas as nosas peticións, e non responderon nin unha soa vez. Non é un trato digno cara ao noso colectivo”.

Posible contencioso e entrega de chaves dos centros

FADEMGA anunciou tamén que acompañará estas mobilizacións coa interposición dun recurso contencioso-administrativo contra a Xunta de Galicia por incumprir o Concerto Social. Se non hai resposta nin solucións, a Federación non descarta un acto simbólico de entrega das chaves dos centros á Administración autonómica.

“Que sexa a Xunta quen xestione directamente as prazas se non quere cumprir coas súas obrigas económicas”, concluíu o presidente. “Estamos falando dunha situación gravísima que pode abocar ao peche de moitos centros e residencias en Galicia”.

FADEMGA: décadas de servizo público e compromiso social

Con 42 entidades federadas, FADEMGA Plena inclusión Galicia leva preto de 50 anos prestando servizos públicos esenciais a persoas con discapacidade intelectual e ás súas familias. Hoxe, o sector atópase nunha situación límite, asfixiado polos custes e pola falta de resposta política. Por iso, a Federación chama á sociedade galega, ás familias, aos profesionais e ás administracións a sumarse á súa loita baixo o lema: “A discapacidade intelectual en loita. Sen financiamento non hai futuro. Sen recursos non hai coidados.”

Fai un comentario

PROTECCIÓN DE DATOS: Regulamento (UE) 2016/679 RGPD e LOPDGDD 3/2018. FADEMGA PLENA INCLUSIÓN GALICIA (FEDERACIÓN GALEGA DE ASOCIACIÓNS EN FAVOR DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE INTELECTUAL OU DO DESENVOLVEMENTO), como responsable do tratamento, tratará os seus datos para promocionar a súa actividade e avaliar a calidade dos seus servizos. Poderá exercitar os dereitos de acceso, rectificación e supresión dos datos, entre outros, tal e como se explica na información adicional que está á súa disposición no apartado de Política de Privacidade.