Envellecer con futuro: unha charla coloquio sobre a dignidade dos nosos maiores con discapacidade intelectual
FADEMGA Plena inclusión Galicia
29-01-2026FADEMGA Plena inclusión Galicia e o Centro Ocupacional Pascual Veiga celebraron esta tarde na Coruña a charla-coloquio “Envellecer con futuro”, unha xornada aberta á cidadanía que puxo o foco na necesidade de garantir a dignidade, autonomía persoal e apoios axeitados ao longo de toda a vida, especialmente no proceso de envellecemento das persoas con discapacidade intelectual.
A iniciativa partiu dunha mensaxe clara: envellecer non pode implicar perder dereitos nin capacidade de decisión, senón contar cos recursos necesarios para seguir desenvolvendo proxectos vitais con calidade de vida.
Durante a xornada abordáronse cuestións clave como a participación activa nas decisións vitais tamén na vellez, o empoderamento das persoas maiores coidadoras, a adaptación dos recursos ás necesidades de cada persoa e a importancia de visibilizar o envellecemento como unha etapa que, con apoios adecuados, pode ser digna, segura e enriquecedora.
UN RETO COLECTIVO QUE XA ESTÁ AQUÍ
Durante a apertura do acto, Carmela González Lagarón, responsable de familias e membro da Xunta Directiva de FADEMGA Plena inclusión Galicia, sinalou que “hoxe queremos poñer o foco nunha etapa da vida que moitas veces non miramos de fronte, e aínda menos cando falamos de persoas con discapacidade intelectual”. González advertiu de que o envellecemento “é unha realidade que tendemos a silenciar ou a adiar, como se non fose chegar, cando en realidade xa está aquí e nos esixe reflexión, planificación e compromiso colectivo”.
A continuación, Silvia Longueira, vogal da Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego, lembrou que “Galicia é xa un país de persoas maiores, con máis de 700.000 persoas de máis de 65 anos”, e subliñou a importancia de afrontar este reto con planificación e visión de futuro, destacando o papel do terceiro sector como aliado fundamental para acompañar ás persoas neste proceso.
Pola súa banda, o presidente do CERMI Galicia, Ramón Sestayo Lestón, destacou que o envellecemento debe ser unha etapa “de dignidade, autonomía e toma de decisións”, reclamando recursos e ferramentas tanto para as persoas con discapacidade como para quen as coidan. Ademais, apuntou á necesidade de revisar determinadas leis, como a da dependencia, “para dar resposta ás novas necesidades e garantir que todas as persoas poidan elixir como queren vivir”.
A presidenta do Centro Ocupacional Pascual Veiga, Josefa Arcas Lafuente, amosouse especialmente ilusionada coa xornada e subliñou que “este título non fala só do mañá, fala tamén do presente”. Lembrou que todas as persoas envellecen, pero non o fan nas mesmas condicións, e defendeu que “o envellecemento non é unha etapa de peche, senón un momento para poñer en valor os coñecementos e a experiencia acumulada”.
Pechando as intervencións institucionais, a deputada de Políticas Sociais da Deputación da Coruña, Mar García Vidal, destacou o papel das entidades sociais como “os ollos, os oídos e a voz das administracións públicas”, recoñecendo que dende os despachos non sempre se coñecen as necesidades reais. García Vidal agradeceu de maneira especial o labor das persoas coidadoras e reafirmou o compromiso da Deputación de seguir traballando co tecido asociativo “para construír un futuro común no que todas as persoas poidan envellecer con respecto e cos apoios adecuados”.
COÑECEMENTO TÉCNICO E FERRAMENTAS PRÁCTICAS
O programa da xornada combinou contidos técnicos, experiencia profesional e enfoque práctico. Tras a inauguración, Laura Gamonal, médica xeriatra da Unidade de coordinación e apoio asistencial a residencias sociosanitarias da área sanitaria da Coruña e Cee, abordou os retos do envellecemento dende unha perspectiva sanitaria centrada na persoa.
Pola súa banda, Margarita Garrido, xerente da Fundación ADCOR da Coruña, reflexionou sobre a necesidade de avanzar cara a modelos que garantan autonomía e proxectos de vida tamén nas etapas máis avanzadas.
Na parte final da tarde, Beatriz Riaño, terapeuta ocupacional da asociación EuroEume das Pontes de García Rodríguez, e Paula Castanedo, terapeuta ocupacional do Centro Ocupacional Pascual Veiga da Coruña, achegaron ferramentas prácticas para mellorar o día a día das persoas coidadoras no ámbito do fogar.
A charla-coloquio pechouse como un espazo de encontro e diálogo, no que compartir experiencias, resolver dúbidas e avanzar cara a unha visión colectiva do envellecemento baseada nos dereitos, a dignidade e os apoios necesarios en todas as etapas da vida.

