“Entretempos: unha viaxe creativa pola vida”

A arte como camiño para expresar, comprender e dar sentido á propia historia

“Entretempos: unha viaxe creativa pola vida”

No marco do noso compromiso co benestar emocional ao longo de toda a vida, lanzamos “Entretempos: unha viaxe creativa pola vida”, unha proposta de arteterapia dirixida a persoas con discapacidade intelectual e/ou do desenvolvemento maiores de 45 anos.

Esta iniciativa nace da necesidade de crear espazos onde as persoas poidan expresar emocións, pensamentos e vivencias máis alá da linguaxe verbal. Moitas veces, as barreiras comunicativas dificultan elaborar experiencias vitais, transmitir necesidades ou construír un relato propio con sentido. "Entretempos" ofrece unha alternativa accesible, segura e respectuosa.

A arte como linguaxe e como ponte

A arteterapia convértese aquí nun recurso fundamental. A través da creación artística e do simbolismo, as persoas participantes poden:

- Comunicar sen palabras, reducindo a frustración e fortalecendo a autoestima.

- Explorar o pasado, o presente e o futuro de maneira visual e adaptada ás súas capacidades.

- Integrar emocións e experiencias mediante procesos creativos que non requiren habilidades técnicas previas.

- Reforzar a identidade e o sentido vital, elementos clave para o benestar emocional.

Non se trata de “saber debuxar” nin de facer obras perfectas.  Trátase de crear para comprender, expresar para integrar e compartir para darlle significado á propia historia.

 

Un percorrido en catro tempos

Entretempos desenvolverase en catro sesións presenciais, cunha duración aproximada de dúas horas cada unha, combinando propostas artísticas e espazos de conversa libre, acompañada e respectuosa. O itinerario estrutúrase en catro momentos vitais:

Sesión 1: Memoria – O Pasado Explorar momentos significativos da vida e recoñecer as propias raíces.

Sesión 2: Presenza – O Aquí e Agora Conectar co presente e coas emocións actuais.

Sesión 3: Horizonte – O Futuro Proxectar desexos, soños e expectativas.

Sesión 4: Peche do ciclo

 

Un espazo seguro para ser protagonista da propia historia

O grupo estará formado por entre 10 e 12 persoas e será dinamizado por Lucía González Vicente, arteterapeuta, acompañada por persoal técnico da Federación.

O obxectivo final é ofrecer un espazo no que cada participante poida expresarse ao seu ritmo, atopar significados, fortalecer a súa identidade e sentirse recoñecido ou recoñecida como protagonista da súa vida.

 

Inscricións, prazos e información

Aquelas entidades interesadas en participar, debedes cubrir este formulario

O prazo para amosar interese remata o 13 de marzo.

Neste dosier podedes atopar toda a información sobre a actividade. 

Se tedes calquera dúbida sobre a actividade, podedes contactarnos chamando ao 981 51 96 50 ou escribindo a areasocial@fademga.org 

Fai un comentario

PROTECCIÓN DE DATOS: Regulamento (UE) 2016/679 RGPD e LOPDGDD 3/2018. FADEMGA PLENA INCLUSIÓN GALICIA (FEDERACIÓN GALEGA DE ASOCIACIÓNS EN FAVOR DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE INTELECTUAL OU DO DESENVOLVEMENTO), como responsable do tratamento, tratará os seus datos para promocionar a súa actividade e avaliar a calidade dos seus servizos. Poderá exercitar os dereitos de acceso, rectificación e supresión dos datos, entre outros, tal e como se explica na información adicional que está á súa disposición no apartado de Política de Privacidade.