Contra a soidade non desexada

FADEMGA Plena inclusión Galicia e ASPRONAGA únense ao proxecto "Soidade Cero" para combater a soidade non desexada en persoas con discapacidade intelectual e as súas familias

Contra a soidade non desexada

FADEMGA Plena inclusión Galicia, xunto con ASPRONAGA, participa no proxecto “Soidade Cero”, unha iniciativa impulsada por Plena inclusión para abordar a soidade non desexada en persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento e as súas familias. En Galicia, este traballo desenvolverase con familias dos diferentes centros e servizos de Aspronaga, onde ambas entidades comezaremos un proceso de escoita e análise para comprender mellor as situacións de illamento que afectan a este colectivo.

A soidade non desexada é unha problemática crecente que impacta de maneira especial nas persoas con discapacidade intelectual e as súas familias. A falta de redes de apoio, as barreiras para a participación na comunidade e a escaseza de recursos adaptados son factores que contribúen a esta realidade.

FADEMGA Plena inclusión Galicia, a través da súa participación en “Soidade Cero”, reafirma o seu compromiso coa creación de solucións que fomenten a inclusión social e o benestar emocional destas persoas.

UN PROXECTO ESTATAL PARA FACER FRONTE A NOVAS REALIDADES

“Soidade Cero” é un proxecto de carácter comunitario e centrado na familia. Iniciado en 2019 coa participación de tres federacións autonómicas (Andalucía, Madrid e Castela-A Mancha), nesta nova fase amplía o seu alcance coa incorporación de once novas entidades, sumando un total de catorce organizacións en dez comunidades autónomas, incluída Galicia.

Plena inclusión aposta por un modelo de intervención baseado na comunidade, onde profesionais, familias e a propia sociedade desempeñan un papel crave na detección e prevención do illamento.

Na nosa Comunidade, FADEMGA Plena inclusión Galicia e ASPRONAGA desenvolveremos esta iniciativa a través dun grupo motor formado por familiares (irmáns/as e nais) a través dun traballo prospectivo que permitirá identificar propostas e estratexias que xeren solucións innovadoras para paliar a soidade non desexada e conseguir que estas familias consigan acceder a unha vida plena conectada coa súa comunidade.

Este proxecto será posible grazas ás persoas que marcan a X Solidaria na súa declaración da renda, e contará tamén co apoio do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, así como da Fundación ONCE.

Fai un comentario

PROTECCIÓN DE DATOS: Regulamento (UE) 2016/679 RGPD e LOPDGDD 3/2018. FADEMGA PLENA INCLUSIÓN GALICIA (FEDERACIÓN GALEGA DE ASOCIACIÓNS EN FAVOR DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE INTELECTUAL OU DO DESENVOLVEMENTO), como responsable do tratamento, tratará os seus datos para promocionar a súa actividade e avaliar a calidade dos seus servizos. Poderá exercitar os dereitos de acceso, rectificación e supresión dos datos, entre outros, tal e como se explica na información adicional que está á súa disposición no apartado de Política de Privacidade.