Campaña Día Internacional da Muller: Tamén podemos ser nais
No 8M reivindicamos os dereitos das mulleres con discapacidade intelectual e do desenvolvemento a decidir sobre a súa maternidade
FADEMGA Plena inclusión Galicia
06-03-2025Plena inclusión lanza a campaña #TambiénPodemosSerMadres, unha iniciativa para visibilizar e reivindicar o dereito das mulleres con discapacidade intelectual e do desenvolvemento para decidir se queren ser nais ou non. A iniciativa enmárcase no Día Internacional das Mulleres (8 de marzo).
Segundo a organización, "a pesar de que este é un dereito fundamental para todas as mulleres, as que teñen discapacidade intelectual cargan co estigma social e atopan enormes barreiras", como se constatou nun proceso participativo que Plena inclusión realizou en 15 comunidades autónomas con 54 mulleres con discapacidade intelectual. Este traballo destaca tres obstáculos cos que chocan:
- Falta de información accesible
- Ausencia de apoios especializados
- E escaseza de datos que permitan deseñar políticas públicas que garantan o seu cumprimento.
Ademáis, Plena inclusión realizou unha enquisa en liña na que participaron 315 mulleres con discapacidade intelectual na que respondían a cuestións como o coñecemento de dereitos reprodutivos, experiencias relacionadas coa maternidade, obstáculos simbólicos e materiais de apoios, recursos e servizos.
REALIDADE INVISIBLE
A Confederación denuncia que a falta de estudos e rexistros sobre maternidade en mulleres con discapacidade intelectual fai que esta realidade sexa practicamente invisible. Sen información accesible nin apoios adecuados, moitas delas ven vulnerado o seu dereito tomar unha decisión que sí toman o resto das mulleres con maiores facilidades.
As participantes do proxecto denuncian que aínda existen prácticas profesionais que vulneran os seus dereitos. Por exemplo, en moitos casos, a esterilización a través da ligadura de trompas realizouse sen o seu consentimento ou baixo o seu descoñecemento. Por esa razón, e aínda que a Lei Orgánica 2/2020 prohíbe dende fai cinco anos a esterilización forzada de persoas con discapacidade, é necesario un cambio de mentalidade na sociedade e nos profesionais para garantir o seu cumprimento.
A campaña #TambiénPodemosSerMadres terá presenza en redes sociais e medios de comunicación, compartindo mensaxes en primeira persoa de mulleres con discapacidade intelectual que reivindican o seu dereito para decidir sobre a súa maternidade e esixindo garantías para poder exercelo. A Organización tamén pon o foco na incidencia política e reclama que "é urxente que as administracións públicas (Goberno central e autonómicos) recollan datos, deseñen políticas específicas e aseguren apoios reais para que este dereito non dependa da vontade ou os recursos de cada familia.
MANIFESTO CON MOTIVO DO DÍA DA MULLER E SEMINARIO EN LIÑA
Con motivo do Dia da Muller, dende FADEMGA Plena inclusión Galicia tamén estaremos no Seminario en liña "As mulleres con discapacidade traballadoras". Este encontro terá lugar o vindeiro mércores día 12 de Marzo ás 10:30 horas. Nesta xornada participaremos da man dunha das nosas usuarias do Servizo de Emprego en Santiago de Compostela. Trátase dunha actividade de balde na que podes inscribirte seguindo esta ligazón.
Asemade, durante todo o mes traballaremos cos nosos grupos de mulleres con discapacidade intelectual actividades relacionadas coa historia do feminismo.
Finalmente, tamén deixamos á vosa disposición o Manifesto da Fundación Cermi Mulleres na súa versión en lectura fácil, que podedes consultar aquí.

