As persoas autoxestoras reivindican o dereito a decidir e os apoios para participar
O 24º Encontro Autonómico de Persoas Autoxestoras de FADEMGA reuniu 121 persoas de 13 entidades baixo o lema «O futuro é hoxe: decidindo a nosa vida».
FADEMGA Plena inclusión Galicia
30-10-2026Decidir como vivir, participar nas decisións das propias entidades e contar cos apoios necesarios para facelo. Estas reivindicacións marcaron o 24º Encontro Autonómico de Persoas Autoxestoras, organizado por FADEMGA Plena inclusión Galicia, que reuniu hoxe no restaurante Los Robles, en Montouto, 121 persoas de 13 entidades.
Baixo o lema “O futuro é hoxe: decidindo a nosa vida”, a xornada ofreceu un espazo para compartir experiencias e propostas sobre asuntos que afectan directamente á vida das persoas con discapacidade intelectual. O encontro puxo o foco na importancia de que as súas opinións se traduzan en decisións e de que a participación conte con información comprensible, espazos accesibles e apoios axeitados.
Na inauguración participaron o presidente de FADEMGA Plena inclusión Galicia, Eladio Fernández; a directora xeral de Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, Begoña Abeijón; a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz; o presidente do CERMI Galicia, Ramón Sestayo; a deputada socialista Silvia Longueira, e o concelleiro de Servizos Sociais de Teo, Juan Jesús Cerqueiro.
Participar tamén no día a día das entidades
Eladio Fernández recoñeceu a constancia e o compromiso do movemento autoxestor ao longo destes 24 anos e animou as persoas participantes a manter esa implicación na actividade cotiá das asociacións. “Non podemos despistarnos: cando deixamos de estar presentes, as nosas necesidades e opinións perden peso nas decisións”, advertiu. O presidente de FADEMGA tamén subliñou a responsabilidade das xuntas directivas e dos equipos profesionais de facilitar unha participación efectiva. Neste sentido, defendeu a necesidade de ofrecer información clara e apoios, así como de incorporar a voz das persoas con maiores necesidades de apoio. “Non temos que esperar a mañá para empezar a cambiar as cousas”, afirmou.
Durante o acto inaugural a deputada socialista Silvia Longueira animou ao movemento asociativo a abrir os encontros de persoas autoxestoras á participación doutras entidades e do conxunto da sociedade, “para que máis persoas coñezan estes grupos e o traballo que desenvolven”.
Pola súa parte, Begoña Abeijón destacou a importancia de que as persoas con discapacidade expresen como queren vivir e dispoñan dos recursos necesarios para facelo. Recoñeceu o papel das entidades sociais á hora de sinalar as necesidades e orientar o camiño, e situou nas administracións a responsabilidade de garantir os apoios.
A directora xeral manifestou a súa disposición a seguir escoitando as demandas do colectivo e sinalou que a Xunta continuará reclamando ao Estado o cumprimento da Lei de dependencia para avanzar en servizos, apoios e coidados. Finalmente, a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, salientou a contribución das entidades sociais á igualdade de oportunidades e á redución das desigualdades inxustas. Referiuse ao traballo de ASPAMITE no municipio e defendeu que as palabras deben ir acompañadas de feitos. Como exemplo, mencionou a adxudicación de contratos municipais a centros especiais de emprego.
Ferramentas para participar e construír o futuro
O programa do encontro inclúe a sesión “Creando espazos con voz: como formar un grupo de participación”, coa intervención de Cristina Vallelado, de Plena inclusión; Sara Fernández e Celeste Álvarez, de Plena inclusión Madrid. Este espazo abordará como impulsar grupos que permitan compartir opinións, chegar a acordos e trasladar propostas ás persoas responsables das entidades.
O envellecemento será outro dos eixes da xornada. Rocío Coira, directora-xerente da asociación Nuestra Señora de CHAMORRO, e Javier Riobó, psicólogo de ASPAS, participarán nunha sesión dedicada a pensar como construír o futuro que cada persoa quere e anticipar os apoios que pode precisar.
A programación completarase con obradoiros sobre a xestión dos conflitos, a información nas redes sociais e a intelixencia artificial, o lecer inclusivo e a sexualidade. Cuestións próximas á vida cotiá que comparten unha mesma reivindicación: que as persoas con discapacidade intelectual poidan exercer o seu dereito a decidir e participar na comunidade

