Aprende a crear e dinamizar Clubs de Lectura Fácil

FADEMGA impulsa a formación “Historias para TODOS e TODAS: como dar vida a Clubs de Lectura Fácil”, unha proposta práctica para achegar ferramentas reais a profesionais

Aprende a crear e dinamizar Clubs de Lectura Fácil

FADEMGA Plena inclusión Galicia pon en marcha unha nova convocatoria formativa co obxectivo de seguir avanzando cara a contornas máis accesibles, participativas e abertas a todas as persoas.

Baixo o título “Historias para TODOS e TODAS: como dar vida a Clubs de Lectura Fácil”, esta proposta permitirá coñecer dende dentro o valor da Lectura Fácil, os seus beneficios e as posibilidades que ofrece para favorecer o encontro, a participación e a inclusión.

A formación celebrarase o martes 12 de maio de 2026 na sede central de FADEMGA Plena inclusión Galicia, en Santiago de Compostela, en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 15:30 a 17:30 horas.

A sesión estará impartida por María Peralta, graduada en Educación Social e impulsora dos primeiros clubes de lectura fácil na Rioja para persoas con dificultades de aprendizaxe. María tamén é membro da Asociación Lectura Fácil Madrid e  presidenta desta entidade dende 2021. Ademáis, é adaptadora de todo tipo de textos a Lectura Fácil, dinamizadora de clubes de Lectura Fácil e formadora en técnicas de Lectura Fácil, así como autora de 3 novelas en Lectura Fácil publicadas pola editorial La Mar de Fácil.

EN QUE CONSISTIRÁ A FORMACIÓN?

Ao longo da xornada, as persoas participantes achegaranse aos conceptos clave da Lectura Fácil e traballarán tamén nunha parte teórico-práctica para aprender a crear e dinamizar Clubs de Lectura Fácil con distintos colectivos.

A formación está pensada cun enfoque moi aplicado, para que cada persoa poida saír con ideas, recursos e propostas útiles para trasladar ao seu día a día profesional.

A convocatoria está dirixida a profesionais das entidades, persoal docente, persoal de bibliotecas e calquera outra persoa interesada no tema.

Ofértanse 15 prazas, con preferencia para profesionais das entidades de FADEMGA.

O prazo de inscrición estará aberto ata o venres 24 de abril, e o luns 27 de abril comunicarase por correo electrónico a admisión ou non admisión.

O custo da formación será de 5 euros por persoa, e o pagamento só deberá realizarse unha vez confirmada a praza.

 

DESCARGA

Nesta ligazón podes descargar o cartel e a información da xornada. 

 

AMOSA AQUÍ O TEU INTERESE EN PARTICIPAR!

 

Con esta iniciativa, FADEMGA reforza a súa aposta por formacións que non só transmiten coñecementos, senón que tamén axudan a construír prácticas máis inclusivas. Porque cando a lectura se fai accesible, tamén se abren máis portas á participación social e cultural!

Fai un comentario

PROTECCIÓN DE DATOS: Regulamento (UE) 2016/679 RGPD e LOPDGDD 3/2018. FADEMGA PLENA INCLUSIÓN GALICIA (FEDERACIÓN GALEGA DE ASOCIACIÓNS EN FAVOR DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE INTELECTUAL OU DO DESENVOLVEMENTO), como responsable do tratamento, tratará os seus datos para promocionar a súa actividade e avaliar a calidade dos seus servizos. Poderá exercitar os dereitos de acceso, rectificación e supresión dos datos, entre outros, tal e como se explica na información adicional que está á súa disposición no apartado de Política de Privacidade.