Abrimos a convocatoria para participar no Laboratorio de Benestar

Unha iniciativa para promover o fortalecemento da saúde mental

Abrimos a convocatoria para participar no Laboratorio de Benestar

Dende FADEMGA Plena inclusión Galicia abrimos o prazo de inscrición para o Laboratorio de Benestar, unha iniciativa pensada para promover a saúde mental e o benestar das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento.

Trátase dun espazo de encontro e autocoñecemento, onde exploraremos como nos relacionamos, como xestionamos as emocións ou os conflitos e, sobre todo, como podemos sentirnos mellor con nós mesmas e cos demais. Un lugar onde investigar(se), experimentar(se) e coñecer(se) un pouco máis!

O laboratorio ofrecerá diferentes ferramentas e técnicas para acompañar este proceso de reflexión e crecemento persoal, empregando metodoloxías vivenciais como teatro e interpretación, que nos axudan a conectar coa espontaneidade e a creatividade.

CANDO SERÁ E A QUEN SE DIRIXE?

As sesións desenvolveranse os xoves 23 e 30 de maio, e 6, 13, 20 e 27 de xuño, en horario de 10:30 a 12:00 h, na Casa das Asociacións de CABES, na rúa Manuel María, 6 (Salgueiriños) – Santiago de Compostela.

Está dirixido a persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento, preferentemente aquelas que convivan con enfermidade mental ou que experimenten bloqueos relacionados coa ansiedade e/ou o estrés. O grupo estará formado por un máximo de 10 a 15 persoas. As sesións estarán dinamizadas por Marta Pérez, directora de Inversa Teatro.

COMO PODES INSCRIBIRTE?

É necesario cubrir esta ficha de inscrición e enviala a areasocial@fademga.org antes do 15 de maio. Unha vez pechado o prazo, confirmaremos a praza ás persoas seleccionadas.

Se precisas máis información, podes contactar connosco escribindo a areasocial@fademga.org ou chamando ao 981 51 96 50 (pregunta por Pilar Villaverde).

Fai un comentario

PROTECCIÓN DE DATOS: Regulamento (UE) 2016/679 RGPD e LOPDGDD 3/2018. FADEMGA PLENA INCLUSIÓN GALICIA (FEDERACIÓN GALEGA DE ASOCIACIÓNS EN FAVOR DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE INTELECTUAL OU DO DESENVOLVEMENTO), como responsable do tratamento, tratará os seus datos para promocionar a súa actividade e avaliar a calidade dos seus servizos. Poderá exercitar os dereitos de acceso, rectificación e supresión dos datos, entre outros, tal e como se explica na información adicional que está á súa disposición no apartado de Política de Privacidade.