Aberto o prazo de inscrición para o Encontro Autonómico de Irmáns e Cuñados/as 2025
Un encontro para parar, compartir e coidar!
FADEMGA Plena inclusión Galicia
14-11-2025A nosa Comisión de Irmáns e Cuñados/as de FADEMGA Plena inclusión Galicia vén de abrir o prazo de inscrición para a 8ª Convivencia Autonómica de Irmáns e Cuñados/as, que terá lugar o sábado 13 de decembro de 2025 na Hospedería de San Martín Pinario (Santiago de Compostela).
Este encontro anual é un espazo pensado para favorecer a conexión entre persoas que comparten unha realidade con frecuencia invisible: ser irmán ou cuñado/a dunha persoa con discapacidade intelectual. Un rol cheo de afecto, pero tamén de responsabilidades, preguntas, preocupacións… e moitas veces cunha falta evidente de espazos seguros onde parar, respirar e coidarse.
A risa como terapia: unha mañá da man de Galiclown
A convivencia deste ano xirará arredor da risa como ferramenta de benestar emocional, da man de Galiclown, Asociación de Pallasos Hospitalarios. As persoas participantes poderán coñecer o seu traballo, descubrir como o humor pode aliviar tensións en momentos complexos —como unha hospitalización— e, por suposto, experimentalo en primeira persoa.
Será unha mañá para parar, compartir, rir e recargar enerxías. Porque a risa non resolve todo… pero axuda, e moito!
Máis información:
Nos seguintes enlaces podes ver:
- O programa completo. As cuotas de inscrición. Os prazos para apuntarte.

