Aberta a convocatoria do 23 Encontro Autonómico de Persoas Autoxestoras

Un día para compartir ideas e construír o futuro xuntas e xuntos

Aberta a convocatoria do 23 Encontro Autonómico de Persoas Autoxestoras

Baixo o lema “Rompendo barreiras, abrindo camiños”, FADEMGA Plena inclusión Galicia convoca unha nova edición dun dos eventos máis esperados do ano: o 23 Encontro Autonómico de Persoas Autoxestoras.

A cita terá lugar o venres 10 de outubro no Albergue Monte do Gozo (Santiago de Compostela) e reunirá a persoas autoxestoras de toda Galicia para reflexionar, debater e propoñer ideas arredor de tres temas que lles preocupan especialmente: o emprego, o acceso ao carné de conducir e o futuro das persoas con discapacidade intelectual e as súas familias.

Un programa para abrir camiños

A xornada arrancará coa recepción e o acto inaugural, para dar paso a un completo programa de relatorios, mesas de debate e grupos de traballo.

- O carné de conducir, con Eva Muíño Gómez (Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia) e David Llorente Rey (Xefatura Provincial de Tráfico de Ourense), quen explicarán os requisitos e os apoios dispoñibles.

- O emprego, coa intervención de Manuel Carrillo García (Área de Emprego e Formación de FADEMGA), para abordar as dificultades de acceder ao mercado laboral dende unha residencia ou centro ocupacional.

- O futuro e a familia, cun espazo de reflexión compartida entre persoas autoxestoras e familias, que continuará con grupos de traballo participativos.

O día pecharase cun acto de clausura e un espazo de convivencia arredor duns pinchos.

Un lema con mensaxe

Co lema deste ano, as persoas autoxestoras queren volver poñer sobre a mesa que, malia os avances acadados, aínda quedan barreiras que impiden un acceso igualitario aos dereitos fundamentais. O seu obxectivo segue a ser claro: mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e construír, paso a paso, o camiño que elas mesmas desexan.

Información práctica

Prazo de inscricións: ata o 22 de setembro.

As asociacións deben enviar as inscricións conxuntas ao correo areasocial@fademga.org

O 23 de setembro confirmarase a adxudicación das prazas por correo electrónico.

Podes descargar aquí a ficha de inscrición

Cotas de participación

Persoas autoxestoras ou de apoio de asociacións federadas: 18 €

Persoas autoxestoras ou de apoio de asociacións non federadas: 20 €

Cada asociación deberá facer un único pago conxunto no número de conta ABANCA ES87 2080 0300 8930 4012 6857, indicando no concepto: “23 Encontro persoas autoxestoras + nome da asociación”.

O prazo límite para realizar o pago é o 3 de outubro.

Ademais, será necesario enviar o xustificante a areasocial@fademga.org e indicar se se precisa factura.

 

Podes descargar o programa e toda a información práctica neste documento.

Fai un comentario

PROTECCIÓN DE DATOS: Regulamento (UE) 2016/679 RGPD e LOPDGDD 3/2018. FADEMGA PLENA INCLUSIÓN GALICIA (FEDERACIÓN GALEGA DE ASOCIACIÓNS EN FAVOR DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE INTELECTUAL OU DO DESENVOLVEMENTO), como responsable do tratamento, tratará os seus datos para promocionar a súa actividade e avaliar a calidade dos seus servizos. Poderá exercitar os dereitos de acceso, rectificación e supresión dos datos, entre outros, tal e como se explica na información adicional que está á súa disposición no apartado de Política de Privacidade.