A discapacidade intelectual mobilízase: as entidades de FADEMGA inician unha campaña social e mediática para esixir un financiamento digno
Ante a falta de resposta da Xunta e o afogamento económico das entidades, o sector da discapacidade intelectual galega lánzase a unha campaña pública para reclamar o financiamento digno e estable que garanta a continuidade dos servizos
FADEMGA Plena inclusión Galicia
09-10-2025Despois dunha nova reunión da Asemblea Informativa, as entidades da discapacidade intelectual galega, federadas en FADEMGA Plena inclusión Galicia, decidiron iniciar unha campaña conxunta en medios de comunicación, redes sociais e nos seus respectivos concellos, co obxectivo de denunciar a situación límite que atravesa o sector pola falta de actualización dos módulos económicos do concerto social e a ausencia de resposta política por parte da Xunta de Galicia.
Baixo o lema “A discapacidade intelectual en loita. Sen financiamento non hai futuro” a campaña reivindicativa foi acordada por unanimidade polas entidades asistentes á Asemblea e terá tamén presenza nos municipios onde as organizacións desenvolven a súa actividade, implicando a familias, profesionais e a sociedade en xeral na defensa dos servizos para as persoas con discapacidade intelectual e as súas familias.
Raíz do problema: financiamento insuficiente e falta de diálogo institucional
O sector vén alertando dende hai meses da asfixia económica que supón ter que asumir en solitario:
- Un incremento salarial do 10% derivado do XVI Convenio Colectivo.
- Unha inflación acumulada superior ao 10,5%.
- Un aumento do Salario Mínimo Interprofesional do 18,4%.
Fronte a iso, a Xunta só propón unha suba nos módulos económicos do concerto social de entre un 5,40% e un 7,88%, o que resulta completamente insuficiente para garantir a viabilidade dos servizos e a estabilidade do persoal.
Ademais, a Consellería de Política Social continúa sen ofrecer unha resposta nin convocar unha interlocución directa co sector, a pesar das peticións formais realizadas por FADEMGA Plena inclusión Galicia.
Ante esta situación, e de persistir o silencio da Xunta, convocarase unha rolda de prensa aberta aos medios para denunciar públicamente a situación, á que seguirá o inicio dun calendario de mobilizacións progresivas do sector.
En palabras do presidente da Federación, Eladio Fernández, durante a Asemblea Informativa celebrada este mércores, “Esta campaña non é un acto simbólico, é un chamamento urxente. Estamos a punto de afundir e a Xunta mira para outro lado. As entidades non poden seguir asumindo un custe que non lles corresponde. É o momento de dicir basta, de saír á rúa e de defender os dereitos das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias”.

