A Deputación impulsa o servizo de orientación laboral de FADEMGA que favorece a empregabilidade de case 400 persoas
O Presidente, José Tomé Roca, asinou un convenio de colaboración co presidente de FADEMGA mediante o cal a institución provincial achega 2.500€ para colaborar con este servizo.
FADEMGA Plena inclusión Galicia
12-11-2024O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, vén de asinar no Pazo de San Marcos un acordo de colaboración co presidente de FADEMGA Plena inclusión Galicia, Eladio Fernández Pérez, a través do cal a institución provincial realiza unha achega económica de 2.500€ para colaborar co servizo de orientación laboral da federación.
Tomé Roca enmarcou este acordo de colaboración "no compromiso que mantemos dende a Deputación de Lugo coa inclusión laboral das persoas con discapacidade intelectual". Nesta liña, o mandatario provincial remarcou que "as administracións públicas debemos traballar da man do tecido asociativo co obxectivo de eliminar barreiras e construír unha sociedade máis xusta e igualitaria para todas as persoas".
Este acordo beneficiará a case 400 persoas con discapacidade intelectual da provincia de Lugo. Así mesmo, e tendo en conta as súas familias, son máis de 700 as persoas que resultan beneficiarias deste programa específico no que se inclúen actuacións dirixidas a potenciar o seu desenvolvemento e a toma de decisións autónomas. Ademais, tamén lles facilita unha serie de recursos para a procura de emprego co obxectivo de que poidan conseguir un posto de traballo.

