A Deputación de Ourense apoia con 4.000 euros o Servizo de Emprego e Formación de FADEMGA na provincia
FADEMGA Plena inclusión Galicia
10-09-2025FADEMGA Plena inclusión Galicia vén de recibir unha achega de 4.000 euros da Deputación de Ourense, a través da súa liña de subvencións destinada a entidades sen ánimo de lucro que desenvolven iniciativas de carácter social.
Este apoio permitirá reforzar o noso Servizo de Emprego e Formación na provincia de Ourense, un programa que traballa día a día para mellorar as oportunidades laborais das persoas con discapacidade intelectual, promovendo a súa inclusión sociolaboral e acompañándoas nos diferentes pasos do seu itinerario profesional.
Impulso á formación e á inserción laboral
Grazas a esta axuda, poderemos continuar desenvolvendo accións clave como:
- Itinerarios personalizados de orientación laboral.
- Formación prelaboral adaptada ás necesidades das persoas participantes.
- Prospección empresarial e acompañamento ás empresas para favorecer contornas inclusivas.
- Apoio no mantemento do posto de traballo.
Nun contexto no que a inclusión laboral segue sendo un desafío pendente, este tipo de colaboracións institucionais resultan fundamentais para avanzar cara a unha sociedade máis xusta e equitativa.
Desde FADEMGA Plena inclusión Galicia agradecemos á Deputación de Ourense o seu compromiso coa inclusión e coa mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias.

