100 persoas con discapacidade intelectual reuníronse no encontro anual de persoas autoxestoras

O lema deste ano foi "Loita! E poderás chegar moi lonxe"

100 persoas con discapacidade intelectual reuníronse no encontro anual de persoas autoxestoras

O Hotel Congreso de Teo acolleu este venres a celebración do 22º Encontro de persoas autoxestoras. Un acto no que se reuniron 100 persoas con discapacidade intelectual de 12 entidades galegas e da propia Federación, acompañados polo director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia, Jacobo Rey, e o concelleiro de Servizos Sociais, Familia e Infancia do Concello de Teo, Juan Jesús Cerqueiro Pintos, que inauguraron o encontro ao carón da vogal da Xunta Directiva de FADEMGA Plena inclusión, Carmela González Lagarón.

Durante a súa intervención, o director xeral de Familia, Jacobo Rey, destacou a traxectoria deste encontro, que chega este ano á súa vixésimo segunda edición: "cando unha iniciativa coma esta acumula 22 edicións, é indicativo da súa consolidación e de que permite, ao fin, que o colectivo continúe avanzando en dereitos". Pola súa banda, o concelleiro de Servizos Sociais de Teo, Juan Jesús Cerqueiro, puxo en valor "a vosa valentía como colectivo, pero tamén a título individual. O voso tesón e resiliencia son un exemplo a seguir para todos e, por iso, o noso deber é continuar apoiándovos na loita pola plena inclusión".

Finalmente, a representante de FADEMGA Plena inclusión, Carmela González, animou a todas as persoas autoxestoras a involucrar a máis persoas das entidades nestes grupos: "Cantas máis voces logremos sumar, máis forte será a vosa influencia, máis inclusivas serán as vosas decisións, e máis cambios poderemos conseguir. Porque lembrade que non só representades os vosos propios intereses, senón os de todas aquelas persoas que non o poden facer por si mesmas".

Durante o encontro, tivemos a sorte de coñecer en profundidade o funcionamento da Oficina de Vida Independente da Comunidade de Madrid, grazas á participación de José María Jiménez, director da Oficina, e de Daniel Díaz, membro do Comité de representantes de Plena inclusión Madrid.

A Oficina Municipal de Vida Independente de Madrid é todo un referente estatal no ámbito da orientación e apoio a persoas con discapacidade intelectual, axudándoas a tomar as súas propias decisións tanto nas cuestións máis cotiás como nas máis relevantes, como decidir onde, como e con quen queren vivir.

UNHA XORNADA PARA CONVIVIR E APRENDER

As persoas autoxestoras tamén tiveron a oportunidade de escoitar charlas sobre a participación das persoas con discapacidade intelectual nos espazos de toma de decisións das asociacións. Un espazo no que reflexionaron sobre o papel activo que cada un pode asumir na vida das entidades e na defensa dos seus dereitos.

Estes espazos de diálogo permitiron compartir experiencias, expoñer retos e identificar as ferramentas necesarias para avanzar cara a unha maior inclusión e influencia nas súas propias asociacións.

ENTIDADES PARTICIPANTES

Nesta edición do encontro, contamos coa participación das entidades de Chamorro (Narón), Aspanane (Viveiro), Pai Menni (Betanzos), Juan María (Nigrán), Aspronaga (A Coruña), Aspadeza (Lalín), Aspanas (Ourense), Aceesca (Porriño), Juan XXIII (Pontevedra), Aspanaex (Vigo), Aspnais (Lugo), así como persoas autoxestoras da propia Federación.

Asemade, acompañounos como convidada a entidade EVD, que ven de formar recentemente dous novos grupos de persoas autoxestoras nos centros de Mos e Crecente.

Fai un comentario

PROTECCIÓN DE DATOS: Regulamento (UE) 2016/679 RGPD e LOPDGDD 3/2018. FADEMGA PLENA INCLUSIÓN GALICIA (FEDERACIÓN GALEGA DE ASOCIACIÓNS EN FAVOR DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE INTELECTUAL OU DO DESENVOLVEMENTO), como responsable do tratamento, tratará os seus datos para promocionar a súa actividade e avaliar a calidade dos seus servizos. Poderá exercitar os dereitos de acceso, rectificación e supresión dos datos, entre outros, tal e como se explica na información adicional que está á súa disposición no apartado de Política de Privacidade.