Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

FADEMGA organiza unha formación online

sobre a figura do Asistente Persoal.

Un Asistente Persoal é un profesional

que te pode axudar a ter unha vida máis independente.

Entre o 15 de setembro e o 15 de outubro terá lugar unha nova formación en liña, destinada a persoas responsables de voluntariado así como a persoas voluntarias de entidades sociais. 

A formación abordará a análise de casos prácticos sobre voluntariado dixital, así como ofertas e plataformas que poden axudarnos neste cometido. 

O pasado 21 de xullo a patronal galega da discapacidade intelectual, AEDIGAL, celebrou unha nova Xunta Directiva onde se aprobou a distribución definitiva de cargos directivos así como a incorporación dos 3 cargos de libre designación pola Federación.

Interésache o voluntariado?

Queres participar en actividades do noso Movemento Asociativo e contribuir coa túa aportación a mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e as súas familias? 

Tanto se non puideches estar na nosa xornada sobre Asistencia Persoal como se queres recuperala para coller apuntes, xa podes acceder a través da nosa canle de youtube!

Despois de reiterados contactos con Xunta de Galicia, Consellería de Sanidade e Ministerio, o colectivo de persoas con discapacidade intelectual usuarios de centros de día e ocupacionais segue sen ser unha prioridade para a vacinación.

A pesar de que a semana pasada o Ministerio de Sanidade, dacordo coas Comunidades Autónomas, aprobaba a Estratexia 8 de vacinación, onde se recolle expresamente “A vacinación das persoas a partir de 12 anos de idade (ano de nacemento 2009 ou anterior) en situación de gran dependencia e aquelas en centros de persoas con discapacidade intelectual, centros tutelados e centros de educación especial” o colectivo continúa a ser ignorado polas autoridades sanitarias.

35 persoas con discapacidade intelectual das provincias de A Coruña e Pontevedra participaron este martes 29 e mércores 30 de xuño nas probas de Competencias Clave que tiveron lugar na sede de FADEMGA Plena inclusión Galicia.

Estas persoas son usuarios/as das asociacións federadas de ASPABER (Carballo), ACEESCA (Porriño) e Centro JUAN MARÍA (Nigrán), dos Servizos de Información e Orientación Laboral de FADEMGA de Vigo e Santiago e tamén da asociación non federada AMARAI (Boimorto).

Plena inclusión reclama que se active canto antes a vacinación de grandes dependentes e persoas con discapacidade intelectual dende os 12 anos.

Esta medida, que foi aprobada a semana pasada polo Ministerio de Sanidade de acordo coas comunidades autónomas, parece que aínda non é prioritaria para moitos dos gobernos rexionais según os datos que manexa Plena inclusión.

Arturo Parrado Puente, Director Xeral de Inclusión Social da Xunta de Galicia, Rosa María Hurtado Taboada, Xefa do Servizo de Atención ao Paciente, Luciano Fernández Pintor, Presidente do CERMI Galicia, e Fernando de Andrés Alonso, Secretario Xeral da Valedora do Pobo acompañaron este luns ao presidente de FADEMGA Plena inclusión Galicia Eladio Fernández Pérez na inauguración da xornada de presentación da “Guía de Servizos de Emerxencia Social en lectura fácil”, destinada a ofrecer en linguaxe claro e accesible os diferentes recursos que as persoas con discapacidade intelectual en risco de exclusión social poden atopar na Comunidade.

Como caracteriza a cada mes de xuño, FADEMGA Plena inclusión Galicia celebrou a súa Asemblea Xeral Ordinaria, na que se deron cita os directivos das entidades membro co fin de valorar o complicado ano 2020 que viviu o sector por mor da pandemia e poñer a mirada nas actividades e proxectos que están por vir.

Dende a Federación vimos de elaborar unha "Guía de emerxencia social en lectura fácil" para facilitar o acceso a servizos sociais a todas as persoas interesadas, pero especialmente pensando nas persoas con discapacidade intelectual e ou do desenvolvemento que puideran precisar esta información de maneira accesible. Trátase dunha guía elaborada como parte do noso programa "Collendo impulso", que está financiado pola Xunta de Galicia grazas ás persoas que marcan a "X Solidaria" na súa declaración da renda. 

O vindeiro 30 de xuño celebraremos unha xornada para coñecer en maior profundidade as implicacións da Asistencia Persoal e como esta pode axudar ás persoas con discapacidade intelectual a ser máis independentes no seu día a día. 

A voceira de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, mantivo hoxe unha xuntanza no Parlamento de Galicia co director xerente de FADEMGA Plena inclusión Galicia, Antonio Fuentetaja, para abordar as necesidades especiais das persoas con discapacidade intelectual en relación á COVID e logo de que o PSdeG presentase unha batería de iniciativas na Cámara galega para instar á Xunta a que vacine a este colectivo.

 

Os días 2, 3 e 4 de xullo

celebramos o 2º  Encontro de mulleres con discapacidade intelectual,

nunha casa rural en Castro Alfonsin, Lugo.

Neste encontro faremos unha formación sobre conciencia,

saúde e movemento para mulleres.

Despois de reiterados contactos con Xunta de Galicia, Consellería de Sanidade e Ministerio de Sanidade o colectivo de persoas con discapacidade intelectual usuarios de centros de día e ocupacionais segue sen ser unha prioridade para a vacinación

Galicia, xunto con Madrid e Castilla León son as 3 únicas CC.AA que non priorizan a este colectivo

Poñemos en marcha o novo curso centrado na "Ética nas organizacións sociais", que se desenvolverá os días 5, 6 e 7 de xullo en modalidade presencial na sede de FADEMGA Plena inclusión Galicia (Vía Pasteur 53A. Polígono Industrial do Tambre. Santiago de Compostela).

Dende a Rede Estatal de Irmáns e cuñados envíanche unha carta para que formes parte deste movemento, para que saibas onde localizar a grupos preto de ti ou para que comeces o teu propio grupo alí onde queiras, na túa entidade, provincia ou rexión.

Os problemas e diferentes aspectos relacionados coa conduta son unha das cuestións que máis soen ocupar e preocupar aos familiares de persoas con discapacidade intelectual. 

Estes faladoiros nacen co obxectivo de crear un espazo para compartir dúbidas e preocupacións das familias respecto a condutas que lles preocupan, axudar a entender ditas condutas e coñecer algunhas estratexias de prevención; temas todos eles, dos que tamén podedes atopar máis información no libro editado por Plena inclusión "Condutas que nos preocupan en persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento". 

Dende a Federación Galega de Asociacións de Persoas con Discapacidade Intelectual (FADEMGA Plena inclusión Galicia) vimos de realizar un estudo económico entre as 37 entidades de atención a persoas con discapacidade intelectual prestadoras de servizos sociais e dependentes da Consellería de Política Social, onde se pon de manifesto o elevado sobrecusto que están a asumir para facer fronte aos gastos derivados da crise sanitaria.

Nos últimos meses estamos a escoitar falar sobre os "Obxectivos de Desenvolvemento Sostible" e as metas que conforman a Axenda 2030. 

Co fin de achegarnos a estes obxectivos globáis, postos en marcha para lograr beneficio de tódalas nacións e asegurar a prosperidade das persoas, poñemos en marcha unha nova acción formativa baixo o título "Axenda 2030: Integración dos obxectivos de desenvolvemento sostible na estratexia das ONG", que terá lugar os días 31 de Maio e 01 de Xuño de 2021 en horario de 10.00 a 13.30 horas. Trátase dun total de 7 horas formativas, que serán impartida por docentes pertencentes ao equipo de AENOR. 

Dende a Federación Galega de Asociacións de Persoas con Discapacidade Intelectual (FADEMGA Plena inclusión Galicia) vimos solicitando ao presidente da Xunta de Galicia D. Alberto Núñez Feijóo que se priorice de forma urxente a vacinación de todas aquelas persoas con discapacidade intelectual usuarias de centros de día, centros ocupacionais e servizos especializados, pois trátase en moitas ocasións de persoas con patoloxías asociadas e mesmo con dificultades para o uso de máscaras.

Iniciamos a publicación dunha serie de vídeos en lectura fácil, cos que queremos axudar a tódalas persoas con discapacidade intelectual a desenvolverse mellor nalgunhas das principais aplicacións que empregamos para facer videochamadas e organizar reunións.

Continuamos a ampliar a nosa oferta de cursos online, nesta ocasión cunha nova formación sobre a importancia do "Apoio Activo" na que abordaremos as orixes e o marco do apoio activo, a interacción positiva, os 5 niveis de apoio ou as claves para os procesos de implementación.

A formación está dirixida a profesionais de atención directa e coordinadores de programas e servizos que desexen implementar o Apoio Activo nos seus centros, tendo unha duración de 32 horas a desenvolverse entre o 1 de maio e o 15 de xuño. 

A sede de ABanca en Vigo, acolleu durante este luns a primeria xornada de “Collendo impulso cara a inclusión”, uns encontros que se desenvolverán en 7 cidades galegas co obxectivo de avaliar a nova “Guía de servizos de emerxencia social en lectura fácil” con profesionais no eido da exclusión.

A Guía foi elaborada a través do programa de “Collendo impulso” e mediante estas xornadas aproveitaremos sinerxias con outras entidades sociais para sensibilizar e difundir un maior coñecemento en torno á discapacidade intelectual e tamén para dar a coñecer os diferentes programas que levamos a cabo na Federación para apoiar ao colectivo e ás súas familias.

O pasado 29 de marzo presentabamos xunto ao Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia (COTOGA) a "Guía de produtos de apoio para a plena inclusión". 

Nesta presentación contamos coa participación de María Pilar Blázquez Ballesteros Presidenta do Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia (COTOGA), Sinda Blanco Lobeiras Subdirectora Xeral de Atención Primaria e Fernando González Abeijón Director Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia.

Coñecer novos recursos para mellorar a calidade de vida das persoas residentes, ao tempo que fomentamos o seu benestar físico e emocional, é o obxectivo deste novo curso que celebraremos os días 18 e 25 de maio asi como o 1 de xuño, e que será impartido por Javier Riobó Delgado, psicólogo especializado en psicoloxía clínica e psicoloxía do traballo e das organizacións. 

O Director Xeral de Xustiza D. Juan José Martín Álvarez, o Subdirector Xeral D. Rafael Juanatey Mayan e a Vicepresidenta de FADEMGA Plena inclusión Galicia, Dna. Carmela González Lagarón, asinaron este martes a renovación do Convenio que garante a continuidade dun proxecto pioneiro na nosa comunidade, mediante o cal se adaptarán a lectura fácil as sentenzas que afectan a personas con discapacidade intelectual e persoas con maiores problemas de comprensión lectora.

O vindeiro 29 de marzo presentamos xunto ao Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia (COTOGA) a "Guía de produtos de apoio para a plena inclusión". 

Trátase dunha guía elaborada polo COTOGA e adaptada a lectura fácil por FADEMGA, co obxectivo de facilitar a aquelas personas con maiores problemas de comprensión lectora os diferentes produtos de apoio que existen no mercado e como estos poden facilitar a vida das persoas. Na guía aparecen os produtos máis empregados e coñecidos, así como o seu funcionamento. 

No marco da campaña “Quero as miñas chaves”, participamos no encontro organizado por REAS Galicia (Rede de economía alternativa e solidaria de Galicia) e a rede Eusumo (Economía Social de Galicia), celebrado este martes co obxectivo de conectar a diferentes colectivos chamados a traballar no eido dos dereitos polo acceso a unha vivenda digna como Provivenda, Coop57, Ancoradoiro, Arquitectura sen fronteiras, Outra forma de vida, Seteoitavas, Cooperativa Kibutz e a propia Plena inclusión.

Chega á Federación un novo espazo para os nosos maiores con discapacidade intelectual: o recuncho dos sabios. A través de varias sesións online de encontro e diálogo, desenvolveremos diferentes actividades en función dos intereses dos participantes: comentarios de noticias, presentación de temas de interese por expertos, entrevistas....

O día e a hora das sesións será acordado cos participantes, pero prevese que a periodicidade destas sesións sexa cada 15 días. 

 

Como evitar que os medos nos superen? Como recuperar o entusiasmo? ou, Como afrontar situacións nas que sufrimos? Estas serán algunhas das preguntas ás que daremos resposta nos encontros online que xa estamos a artellar!

Os días 9, 16, 23 e 30 de abril, reunirémonos de 17:00 a 19:00 para reflexionar en torno a estas cuestións e aprender da man de profesionais como Lara Arribas, Juanjo Pineda, Luis Simarro e Nuria de Castro. 

Poñemos en marcha un novo curso centrado nos "Usos e escalas de calidade de vida familiar"  destinado a profesionais de familias nas asociacións (principalmente profesionais de Psicoloxía, Pedagoxía, Traballo Social... ) ou profesionais que tiveran realizado anteriormente o curso de Enfoque Centrado na Familia. 

A bolsa de persoas auditoras e unha rede de contactos de auditores e auditoras internas de calidade das entidades federadas.

Inscribíndose, as persoas auditoras póñense a disposición para auditar internamente outra entidade ao tempo que poden solicitar que alguén da bolsa lles realice a auditoría interna.

Como xa ven sendo tradición, o vindeiro Día da Muller sumarémonos novamente a esta celebración cunha xornada sinalada onde as mulleres con discapacidade intelectual terán un espazo para reivindicar os seus dereitos.

Tratarase dun encontro online que celebraremos o 9 de marzo e no que daremos voz a mulleres con e sen discapacidade intelectual así como a profesionais do noso movemento asociativo, co fin de ter unha visión máis ampla das diferentes realidades das mulleres da nosa contorna. 

A Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella e o presidente do CERMI Galicia, Luciano Fernández, presentaron a xornada “Mulleres con discapacidade coidadoras” organizada pola Comisión de Muller do CERMI galego.

Durante a súa intervención, o presidente do CERMI Galicia, Luciano Fernández deu a benvida a tódalas asistentes e agradeceu á Secretaria Xeral de Igualdade Susana Lopez Abella a súa permanente interlocución coa Comisión do CERMI Muller que sempre apoia este tipo de actos.

Dende o programa de mulleres con discapacidade intelectual

de Fademga Plena inclusión Galicia

imos continuar cos grupos de mulleres.

Xa tedes dispoñible a documentación necesaria para solicitar o Programa de respiro familiar 2021 destinado a proporcionar medios facilitadores para que as familias de persoas con discapacidade intelectual podan afrontar o seu día a día, ofrecéndolles unhas xornadas de reposo e tranquilidade.

Entre os beneficios que aporta este tipo de servizo, cabe destacar o feito de que facilita a permanencia no entorno familiar da persoa con discapacidade intelectual, evitando así a súa inclusión en programas de maior custe económico e social. O Programa tamén prevé situacións de crise familiar ou persoal, favorece dinámicas familiares e de parella normalizadas, e evita o desarraigo e deterioro das familias, favorecendo a integración no medio e a solidariedade cidadá para coas persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento.

FADEMGA Plena inclusión Galicia ven de adaptar a lectura fácil o “Plan Galego de Vacinación fronte á COVID-19”, co obxectivo de facer accesible dita información ás persoas con maiores dificultades de comprensión.

O documento explica a que persoas vacinarán primeiro ou en que consiste a vacina e inclúe respostas a preguntas frecuentes como: por que é importante vacinarse? é obrigatorio vacinarse? ou, ten efectos secundarios a vacina?

Así mesmo, dito documento foi revisado polo grupo de validadores con discapacidade intelectual da Federación para garantir que a información fose axeitada para persoas con diferentes niveis de comprensión lectora.

A campaña nace para sensibilizar á sociedade sobre as vantaxes dunha vida independente e en comunidade para as persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento sen fogar


‘A mellor vacina contra a COVID-19 é ter un fogar’. Baixo este slogan, Plena inclusión, Fogar Si e Provivenda, unimos forzas para lanzar hoxe en redes sociais a campaña #QueroAsMiñasChaves (#QuieroMisLlaves).

Trátase de reivindicar o acceso a unha vivenda digna e elixida como un dereito fundamental, que na actualidade é de moi difícil acceso para centos de miles de persoas.

“No noso país perviven modelos marcados por unha tradición asistencial, que entenden que unha institución convértese na mellor e única alternativa de vida para estas persoas, sobrentendendo que nese lugar van estar máis protexidas, seguras e mellor coidadas”, lembra o manifesto asinado por Plena inclusión, Fogar Si e Provivenda, no que se solicita ás administracións públicas que valoren a capacidade de xerar cambios fundamentais nas vidas das persoas que teñen os modelos de pisos de vida independente e en comunidade. 

Dende FADEMGA Plena inclusión Galicia e a través do Programa 0,7% IRPF Estatal, poñemos en marcha un novo curso sobre Apoio Condutual Positivo que se realizará entre o 11 de marzo e o 8 de abril de 2021. 

Prazo de inscrición: 25 de febreiro de 2021

Durante os últimos meses, persoas con discapacidade intelectual, profesionais, voluntarios, familias... estivemos debatendo e reflexionando sobre o futuro que queremos para o noso movemento.

Cales son os retos para o futuro?

En que áreas debemos mellorar?

Como podemos ofrecer un servizo máis personalizado e de maior calidade?...

No noso compromiso de ofrecer cultura accesible para tódalas persoas, o Centro Dramático Galego (CDG) e FADEMGA Plena inclusión Galicia retomamos a nosa colaboración a través da obra “O charco de Ulises”.

Dende a Federación estivemos a adaptar o programa da obra de teatro a lectura fácil, de forma que sexa máis comprensible para o colectivo de persoas con discapacidade intelectual. Pola súa banda, o Centro Dramático Galego ofrecerá o vindeiro domingo día 24, unha representación da obra dirixida a todo tipo de persoas con discapacidade: haberá mais espazo para cadera de rodas, lingua de signos, audiodescrición e facilitarase o programa adaptado a lectura fácil.

Iniciamos o ano con novos cursos, encabezados polo de "Enfoque centrado na persoa" unha achega a comprender en primeira persoa as implicacións e o contexto actual deste enfoque, que ademáis analiza os distintos servizos de apoio que existen na actualidade para o noso colectivo. 

Esta formación, que se desenvolverá en modalidade online entre o 10 de febreiro e o 10 de marzo, está dirixida tanto aos novos profesioais que se incorporan á prestación de servizos como para aqueles máis veteranos que buscan reflexionar sobre a súa práctica, así como para familias ou voluntarios interesadxs. 

Como cada ano nestas datas, o noso Servizo Xurídico volve novamente para informar e aconsellar ás persoas con discapacidade intelectual e as súas familias nas dúbidas de carácter legal e xurídico que podan ter.

Nesta ocasión, a convocatoria adáptase á nova normalidade imposta pola crise da COVID-19: 

   - Por unha parte, as consultas serán atendidas por vídeo chamada de WhatsApp, para evitar riscos innecesarios, aínda que tamén poderán facerse de forma presencial no caso de ser posible.

   - As charlas xurídicas realizaranse online, a través da plataforma zoom ou similares, pero no caso de que a situación o permitise tamén ofreceriamos a posibilidade de facelas presenciais. 

A Federación galega de persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento (FADEMGA Plena inclusión Galicia) fai realidade dende hoxe un proxecto longamente perseguido polo Movemento Asociativo: a creación da patronal galega da discapacidade intelectual (AEDIGAL) que nace co fin de reivindicar, defender, representar e xestionar os intereses económicos e socio laborais da entidades sen ánimo de lucro que a integran no ámbito autonómico de Galicia.

Despois da Asemblea previa celebrada o pasado mes de setembro, -onde as asociacións acordaron a creación desta patronal- hoxe oficializouse a súa constitución, quedando integrada por un total de 24 entidades galegas máis a propia Federación.

Nesta reunión constitutiva tamén quedou definida a comisión xestora formada por Eladio Fernández, (presidente), Marcelo de la Cruz, (secretario), Ramiro Fernández Rey (tesoureiro), e José Manuel Carballo Cabezas, Juan Fontela e Javier García como vogais.

Xa está en marcha un novo Círculo de conversas de cara a reflexionar e compartir ideas e opinións sobre cal debe ser o futuro do noso Movemento Asociativo. 

Nesta ocasión, o debate xirará en torno ao alcance e articulación do noso movemento, o que nos levará a reflexionar sobre como traballamos e nos organizamos entre as diferentes entidades para dar mellor resposta ás familias e ás persoas con discapacidade intelectual.

Noutro orde de asuntos, tamén abordaremos o debate sobre os "sesgos", é dicir, os erros que podemos cometer ao comprender as cousas e como estes afectan ao noso comportamento.  

A Xunta de Galicia ven de publicar a convocatoria para a elección provisional de destino para os aspirantes con discapacidade intelectual que superaron as oposicións de persoal funcionario subalterno da Administración Xeral galega, prazas reservadas en exclusiva para este colectivo.

Coa oferta dos novos destinos -todos eles próximos aos lugares de residencia dos aspirantes- a Xunta cumpre o seu compromiso de evitar o desarraigo social e familiar do colectivo, ao tempo que prestará os apoios necesarios en cada caso para una correcta adaptación ao novo posto, así como a formación previa á toma de posesión; todo elo en estreita colaboración coa nosa Federación. Un dos docentes que prestará esta formación tamén será un empregado público con discapacidade intelectual que no seu día obtivo praza co apoio de FADEMGA na primeira convocatoria reservada pola Xunta de Galicia ao colectivo.

 

O modelo social e  sistema de apoios xunto con reflexións sobre cal é o noso papel no mundo, protagonizarán  segundo círculo de conversas de cara a elaborar o novo Plan estratéxico da nosa Confederación, Plena inclusión. 

- Conseguiremos transformar os centros de apoio masificados?

- Xeraremos un servizo centrado na comunidade máis cercana?

- Debemos abrirnos a construír e crecer con outras organizacións e colectivos?

- É o momento de tomar partido por situacións ou realidades que non están directamente relacionadas coa discapacidade?

- Debemos ser máis visibles e que se nos vexa máis nos debates públicos?

O envellecemento das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento é unha realidade que nos preocupa e nos fai reflexionar e repensar o papel das nosas organizacións para apoiar boas vidas na vellez.

Co fin de poñer o foco de atención neste colectivo, queremos convidarvos a participar neste encontro en liña, que celebraremos o vindeiro 3 de decembro (Día Internacional da discapacidade) e onde reflexionaremos sobre dous retos desta etapa, que cobran especial relevancia na situación actual de pandemia e dos que non é habitual falar porque implica un abordaxe de situacións complexas.

O vindeiro 24 de novembro, de 17:00 a 19:00 horas, celebraremos unha nova xornada de aproximación a accesibilidade cognitiva

Jose María Tejeda Tena, Coordinador da Oficina de Accesibilidade Cognitiva de Extremadura, pioneira no noso país, fará unha aproximación ao concepto de accesibilidade cognitiva e a súa importancia para que a persoa con discapacidade intelectual se poda relacionar coa contorna en igualdade de condicións. 

Apúntate cubrindo ESTA FICHA DE INSCRICIÓN e remitíndoa a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.

O prazo para anotarte estará aberto ata o 20 de novembro.