Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

Dende setembro de 2022, 500 persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento, 30 delas en Galicia, veñen de descubrir unha nova vía para derrubar as barreiras que aínda existen no seu acceso ao emprego.

Todo elo grazas ao proxecto de Emprego Persoalizado, unha iniciativa baseada na innovación social e liderada por Plena inclusión España, que contou con financiamento dos fondos europeos Next Generation e que se desenvolveu no marco do Plan de recuperación e Resiliencia baixo a coordinación do Ministerio de Inclusión e Seguridade Social.

Durante o proceso, FADEMGA Plena inclusión Galicia contactou con máis de 300 empresas, co obxectivo de coñecer o seu funcionamento e necesidades e conseguir que esto se traduza na creación de novos postos de traballo adaptados ás necesidades específicas de cada persoa con discapacidade intelectual.

Asemade, realizamos coas persoas usuarias e as súas familias diferentes talleres de coaching (nos que traballamos a comunicación, a creatividade, a capacidade de planificación e organización, a flexibilidade, autocontrol o traballo en equipo...) así como portfolios de cada persoa, plans de acción individual con metas a curto, medio e longo prazo para mellorar aspectos das súas áreas vocacionais e vídeo curriculums.Unhas actividades que ademáis, repercutiron positivamente na mellora das habilidades da vida diaria e mesmo nas súas habilidades sociais.

:: Unha metodoloxía destinada a reducir o desemprego que se ceba co colectivo.

Dende a Federación vimos denunciando reiteradamente a grave situación laboral das persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento: só un 17,6% das persoas activas teñen traballo e estes cobran un 17,8% menos que os seus compañeiros sen discapacidade. Pero sen dúbida, é o colectivo de persoas con maiores necesidades de apoio o máis golpeado polo desemprego: únicamente un 4% conta cun traballo.

En aras de cambiar esta situación, o proxecto de emprego personalizado busca sensibilizar ás empresas sobre esta realidade e animalas a colaborar xerando as condicións que favorezan unha maior contratación de persoas con discapacidade intelectual.

Xunto a estas medidas, a Federación reclama un maior financiamento de servizos de apoio ao emprego; o impulso de metodoloxías como o emprego con apoio e o emprego personalizado; e facilitar o acceso ás persoas do colectivo á formación profesional, a educación secundaria e aos plans de formación nas empresas. Todo iso sen esquecer a obrigación, tal e como establece a lei, de reservar o 2% das prazas de emprego público ofertadas para persoas con discapacidade intelectual.

:: A experiencia de Adela

Co fin de dar a coñecer os beneficios da metodoloxía de emprego persoalizado, dende a Federación queremos presentarche a experiencia de Adela, unha das persoas que estivo a formar parte deste proxecto experimental. Lara, preparadora laboral da Federación, comezou a traballar xunto a ela coñecendo os seus intereses e habilidades, durante o que chamamos a “fase de descubrimento” do programa.

Así foi como coñecimos da paixón de Adela polo deporte, especialmente polo seu club de fútbol, o R.C Deportivo da Coruña. Dispostos a crear un posto de traballo para ela, contactamos co Club para solicitar unha entrevista informativa, pois Adela estaba interesada en coñecer a tarefa de controladora de accesos do estadio de Riazor.

O equipo de Responsabilidade Social Corporativa do Club púxonos en contacto coa empresa Mayve Models, responsable do control de accesos, e…

O RESTO É HISTORIA!!

Unha historia que podedes coñecer neste vídeo!