Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

A pasada semana finalizaban a serie de obradoiros de dixitalización postos en marcha a través da colaboración entre a Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) e AEDIGAL (Patronal galega da discapacidade intelectual e do desenvolvemento) destinados a promover a dixitalización e a sustentabilidade das entidades da discapacidade intelectual co fin de dar novos pasos no eido da transformación dixital e sostible dentro do colectivo.

Estes encontros, organizados grazas á financiación do IGAPE, centráronse na diagnose e na procura de ferramentas e solucións tecnolóxicas que permitan mellorar a xestión e a atención das entidades, sendo o fin último a promoción de procesos de dixitalización que conecten ás persoas ao tempo que se promove o uso da tecnoloxía en todos aqueles eidos que podan contribuír a mellorar a calidade de vida do colectivo e das familias.

En total, celebráronse 6 obradoiros entre os que destacou a abordaxe das principais necesidades tecnolóxicas das entidades, casos reais de benchmarking (estudo da competencia) que se traduciron en solucións innovadoras, os proxectos de dixitalización colaborativos e mesmo as vías de financiación dependentes do IGAPE para poñer en marcha proxectos desta índole, que foron explicadas na derradeira xornada por Eladio Otero García, subdirector de Competitividade Empresarial en IGAPE, acompañado nesta ocasión polo secretario xeral da Confederación de Empresarios de Pontevedra Jesús Castiñeira Diz e polo secretario de AEDIGAL, José Manuel Carballo Cabezas.

Dende AEDIGAL continuaremos a traballar no futuro próximo na creación de procesos internos que permitan un funcionamento de calidade e mellora continua nas entidades que integran a patronal, así como na promoción de procesos de traballo eficaces que permitan responder as oportunidades e os riscos, tanto actuais como futuros que afrontan as nosas entidades.

Aedigal (Patronal galega da discapacidade intelectual e do desenvolvemento) está promovida por FADEMGA Plena inclusión Galicia e representa na actualidade a 29 entidades e 1103 persoas traballadoras.