A asociación empresarial para a discapacidade intelectual e do desenvolvemento de Galicia, AEDIGAL, organizou esta mañá a súa primeira xornada formativa co obxectivo de reivindicar a necesidade de incluir cláusulas sociais nos procesos de contratación pública así como para destacar o valor engadido que os Centros Especiais de Emprego poden aportar a empresas, institucións e organismos.
O presidente desta patronal Eladio Fernández, foi o encargado de inaugurar o encontro acompañado pola vicepresidenta de FADEMGA Plena inclusión Galicia, Carmen Taboada, pola directora xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia, Elena Mancha, pola concelleira de Economía e Facenda do Concello de Santiago Marta Abal así como polo presidente do Consello Territorial da ONCE Carlos Lamigueiro e polo presidente do CERMI Galicia Luciano Fernández.
Durante a súa intervención, o presidente de AEDIGAL denunciou a presión á que están sometidos os centros especiais de emprego que ofrecen traballo ás persoas con maiores necesidades de apoio “É necesario que estes centros conten cunha maior porcentaxe de financiación, pois a pesar dos recentes avances que supón a subida do SMI ou as melloras que supuxo a Reforma Laboral aprobada, estos deben ir acompañados da posta en marcha dun paquete de medidas que cada vez se antoxa máis urxente dada a delicada situación financieira que veñen padecendo. Unha situación que quedou patente despois de que o Tribunal Supremo respaldase o trato diferenciado que merecen os Centros Especias de Emprego de iniciativa social fronte aos de iniciativa empresarial”
Pola súa banda a directora xeral de Relación Laboráis da Conselleria de Emprego e Igualdade, Elena Mancha, repasou a traxectoria da Xunta de Galicia no respaldo a este tipo de centros “A Xunta leva moitos anos apoiando a contratación reservada, sendo unha das primeiras CC.AA que tomou partido por este tipo de reserva. Cabe destacar que no ano 2014 establecemos a reserva de contratos como obligatoria e xa recentemente, a Lei 18/2021 supuxo un avance claro conseguindo que sexa susceptible de reserva calquera sector de actividade e procedemento de contratación. Actualmente a Lei establece que como mínimo o importe global dos contratos reservados sexa do 5% e isto é a proba do firme compromiso da Xunta coa economía social e coa inclusión das persoas con discapacidade no eido laboral”.
Finalmente a concelleira de Economía e Facenda do Concello de Santiago, Marta Abal lembrou que “hai tempo que o Concello aposta pola contratación pública cuns resultados moi bos. Xa na anterior lexislatura aprobábase ampliar as áreas de actividade nas que o Concello pode facer reserva tanto a estes centros como a empresas de inserción. O obxectivo é darlles prioridade fronte ás empresas de servizos. Somos conscientes de que esto beneficia ao conxunto da cidadanía, de aí a nosa vontade de continuar co noso compromiso neste ano tan sinalado, no que Santiago exerce como capital da economía social: unha distinción que recoñece o traballo de todos vos pola plena inclusión dos colectivos máis vulnerables”. Ao término das intervencións das autoridades, tivemos a oportunidade de escoitar as poñencias de Javier Mendoza Jiménez e de Juan Torrelles Manent sobre contratación pública e sobre análise da eficiencia dos centros especiais de emprego respectivamente.