Despois dun longo proceso de participación colectiva, esta semana Valencia acolle o Congreso de Plena inclusión, un evento que se celebra aproximadamente cada 5 anos e que nesta ocasión reúne a 300 asistentes que achegarán o seu punto de vista sobre tres bloques temáticos que engloban as principais metas que quedan por alcanzar nos próximos anos.
Galicia está representanda neste encontro por un grupo de 13 persoas que durante estes meses estivo traballando en achegas e en círculos de conversa, e que actúan como representantes dos diferentes perfís da Federación: persoas con discapacidade intelectual, familiares, voluntarios, profesionais e directivos.
Ata o de agora, o movemento asociativo de Plena inclusión elaborou un total de 5 plans estratéxicos, englobando o último o período comprendido entre os anos 2016-2020.
O FUTURO É UNHA CONSTRUCIÓN COLECTIVA"
O presidente de Plena inclusión España, Santiago López, subliñou que a súa "aposta por unha sociedade inclusiva non limita a mirada ás persoas con discapacidade". "Entendemos que o futuro é unha tarefa de construción colectiva que debe apostar por apoios personalizados e pola vida en comunidade para as persoas máis vulnerables", defendeu.
O Congreso Estatal de Plena inclusión preséntase como "un acontecemento único no mapa da acción social española xa que pretende lanzar propostas innovadoras para responder a retos como a desinstitucionalización, a personalización dos apoios, o coliderazgo das persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento, a inclusión laboral e educativa, ou a apertura á colaboración con outras causas de transformación social no terreo da vivenda, a atención ás persoas maiores e ás zonas despobladas do país", explicou Plena Inclusión.