Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

Este domingo a localidade de Silleda acolle unha nova convocatoria de oposicións destinadas a persoas con discapacidade intelectual.

Un total de 168 persoas concurren nesta ocasión ás probas para as categorías de pinche (39 prazas) e técnico de farmacia (10 prazas) aos que se sumarán proximamente novos procesos para a cobertura de 25 novas prazas por esta quenda de acceso, 15 na categoría de celador e 10 na de grupo auxiliar da función administrativa, incluídas no decreto de oferta de emprego público de persoal estatutario para o ano 2021.

Destas 168 persoas aspirantes, 121 foron preparadas por FADEMGA Plena inclusión Galicia (o que supón un 72,02% do total de aspirantes), a través de 8 grupos distribuidos nas 4 provincias. A integración laboral no ámbito sanitario das persoas con discapacidade está a avanzar nos últimos meses, estendéndose tamén á selección temporal, pois actualmente o SERGAS conta xa con listas na categoría de celador para a cobertura de prazas polo sistema reservado a persoas que acrediten esta discapacidade.

Xunto ás medidas de selección e provisión, o Servizo Galego de Saúde, en colaboración coa Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e coa Federación ten deseñados plans específicos de formación para as persoas con este grao de discapacidade, conscientes de que a formación continuada é unha ferramenta de apoio e un recurso necesario para os traballadores con discapacidade intelectual ao longo da súa vida laboral, que ten como obxectivo desenvolver coñecementos, habilidades e aptitudes así como prestar apoios especializados en situacións laborais cotiás que deberán axudalos no seu proceso de inclusión e integración.