Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

O pasado venres, día 8, o Parlamento de Galicia acolleu unha nova sesión da “Comisión para o seguimento das políticas de discapacidade”, onde varias entidades do sector puidemos trasladar aos principais grupos parlamentarios a actualidade e reivindicacións dos nosos correspondentes colectivos.

O presidente de FADEMGA Plena inclusión Galicia, interviu durante a sesión da tarde, para abordar algunas das consignas que a Federación ven trasladando dende fai meses ás Consellerías tanto de Política Social como de Sanidade. Entre elas, destacou a abordaxe do importante sobresforzo económico que están a asumir as entidades da discapacidade intelectual “levamos anos facéndonos cargo de incrementos de costes que deberían corresponderlle á Administración. Xa vimos advertindo durante o 2021 deste elevado esforzo económico motivado polos custos derivados da crise sanitaria; gastos que abranguen dende a contratación de persoal, a adaptación de instalacións, a obtención de material sanitario…, unha situación que pon en risco a supervivencia das entidades. Soamente o que supuxeron os costes salariais para dar resposta ás esixencias de Sanidade e Política Social nas 33 entidades con servizos contratados no ano 2021, ronda o millón de euros, e supérao bastante se sumamos todos os sobrecostes xa citados”.

Igualmente, o presidente da Federación solicitou maior transparencia e información sobre os diferentes proxectos Next Generation relacionados co ámbito da discapacidade, dos que asegurou “poden ser un importante impulso económico e de modernización” pero dos que, en moitos casos, “non dispoñemos da suficiente información” .

Máis aló do ámbito económico, tamén se lembrou a importancia de renovar o Convenio polo cal se está a formar ao persoal sanitario “para o cal temos solicitado unha reunión co Conselleiro de Sanidade e esperamos ter novas pronto” así como a importancia de traballar nun protocolo de derivación con psiquiatría para aquelas persoas con discapacidade intelectual e problemas de saúde mental asociados “unha realidade moi descoñecida que afecta a este colectivo que históricamente ven sendo infradiagnosticado”.

No ámbito educativo, o presidente puxo o foco na importancia de ter en conta ás persoas con grandes necesidades de apoio “nestes casos concretos, a educación non pode nin debe radicar meramente en acadar competencias académicas, senón que é necesario priorizar aprendizaxes funcionáis que posibiliten a adquisición de recursos e habilidades necesarias que melloren o seu día a día”.

No ámbito laboral, abordouse a necesidade de mudar o actual sistema ocupacional “pasando dun modelo que penaliza e obstaculiza a un novo modelo que fomente e facilite a inclusión laboral. A transición ao réxime de Concertos Sociais garantindo o retorno ás prazas ocupacionais e establecendo prazas a media xornada que permitan compatibilizar, pode ser unha boa maneira de manter a esencia deste tipo de servizos”. A intervención rematou destacando a necesidade de formar tanto a persoas con discapacidade intelectual como a familias e profesionais no ámbito xurídico, “máis necesario agora se cabe despois da recente modificación da Lexislacion civil e procesal para o apoio das persoas con discapacidade”.

CERMI Galicia, Cogami e o Movemento galego da saúde mental foron as outras entidades que trasladaron as súas reivindicacións, en moitos casos coincidentes, como a necesidade de que exista unha maior coordinación sociosanitaria, de apoiar ás entidades fronte á crise financieira e sanitaria ou de fomentar maiores medidas preventivas no sector da discapacidade.

Consulta neste link a comparecencia completa.