Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

Este martes a sede da Federación acolleu a reunión do equipo de pilotaxe “Con Bos apoios” destinada a posibilitar accións e estratexias de coordinación e colaboración sociosanitaria dende un enfoque preventivo, persoalizado e comunitario que radiquen na mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual con alteracións graves de conduta e/ou alteracións da saúde mental.

Na reunión -celebrada en modalidade presencial e en liña- participaron Luis Vázquez Carreira, subdirector xeral de Promoción da Autonomía Persoal e Prevención da Dependencia da Consellería de Política Social, María Tajes Alonso, xefa do Servizo de Saúde mental da Consellería de Sanidade, Mónica Gundín Rey e Vanesa Rodríguez, traballadoras sociais do Servizo de Coordinación Sociosanitaria da Consellería de Sanidade así como profesionais das entidades ASPAS, BATA e da propia federación.

Entre todos eles analizaron os programas e documentos autonómicos de coordinación sociosanitaria e comentaron os recursos que neste momento temos para o apoio ás persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento e alteracións de saúde mental ou graves alteracións de conduta. Finalmente, o equipo de traballo definiu unha área sanitaria para a posta en marcha de accións de coordinación e colaboración, que nos permita avanzar nunha estratexia de incidencia política e social nesta cuestión.

:: As pilotaxes: o inicio dun proceso transformador

As pilotaxes son proxectos de micro transformación dirixidos, en base a prácticas baseadas na evidencia e na ética. É decir, o seu obxectivo é implementar na práctica cotiá modelos que demostraron a súa efectividade en contextos máis controlados. Estas pilotaxes realízanse en servizos concretos que deciden voluntariamente desenvolvelos con equipos específicos creados a tal fin e cun interese compartido.

Para elo, cada servizo ou centro participante ten que crear un grupo de traballo transversal, formado por diferentes persoas que se encargan da implementación desa pilotaxe no seu día a día, seguindo o deseño exposto, así como de compartir a experiencia en cada unha das súas fases co resto de servizos participantes nesa pilotaxe.

Desta forma, os diferentes servizos implicados xeran un proceso de aprendizaxe compartida e axustan a súa práctica en función dos resultados que van analizando. Nas pilotaxes utilízase unha metodoloxía común e un sistema compartido de valoración para xerar aprendizaxe e extraer conclusións sobre a súa efectividade na práctica cotiá, para logo compartilo con outros servizos e difundir o coñecemento xerado.

 

INFORMACIÓN EN LECTURA FÁCIL

 

Fademga organizou unha reunión

co quipo do Pilotaxe Con Bos Apoios.

As pilotaxes serven  para poñer en práctica

melloras para as persoas con discapacidade intelectual

que xa sabemos que son efectivas. 

 

A pilotaxe Con Bos Apoios

quere mellorar a calidade de vida

das persoas con discapacidade intelectual 

con problemas de conduta

ou tamén con problemas de saúde mental. 

 

As persoas que forman parte do equipo da pilotaxe

comentaron entre eles os recursos que hai dispoñibles

para poder ofrecer axuda na actualidade. 

O equipo tamén decidiu

en que zona sanitaria van a comezar a traballar.