Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker


Máis de 200 persoas con discapacidade intelectual que estiveron a recibir apoios da Federación, marchan este venres camiño da capital para presentarse ao proceso selectivo convocado polo Estado e destinado a cubrir 190 prazas, das cales 5 estarán en Galicia, concretamente dúas na Coruña, e unha en Bergondo, Lugo e Ourense.

Dende FADEMGA Plena inclusión estivemos a preparar a un total de 17 grupos repartidos nas ciudades de Ourense, Vigo, Lugo, Santiago, Coruña e Narón (este último na entidade Nosa Señora de Chamorro) dos que formaron parte máis de 200 persoas que levan meses preparándose para esta oportunidade.

:: Máis de 100 persoas con discapacidade intelectual conseguiron un posto fixo nos últimos anos

Fai 10 anos, a Administración Xeral do Estado comezaba a convocar prazas reservadas en exclusividade para persoas con discapacidade intelectual, e aínda que naquel momento a oferta era reducida, a gran demanda de todo o colectivo deu fe do interés suscitado nesta primeira convocatoria. Era o comezo dun camiño que chegaba para quedarse. Posteriormente, as convocatorias da Administracion Autonómica e máis recentemente do SERGAS, constituíron o impulso definitivo a este dereito. En apenas 10 anos, o numero de persoas inscritas ás diferentes convocatorias de emprego público aumentou un 18 %, mentres que o número de prazas multiplicouse por 4 e actualmente máis de 100 persoas conseguiron un posto fixo. Unha gran demanda que sen dúbida cada vez será maior, pois tal e como defendemos dende a Federación, o emprego público é unha alternativa importante para centos de persoas con discapacidade intelectual que ven a súa oportunidade de acadar a inclusión real e efectiva na sociedade.

:: Garantindo a igualdade de oportunidades.

En FADEMGA Plena inclusión Galicia continuamos a traballar co obxectivo de garantir a igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade intelectual no acceso ao emprego público, asegurando que os procesos selectivos se celebren con plena normalidade, motivo polo cal 11 técnicos acompañan dende hoxe aos opositores, co fin de prestarlles apoio tanto no desprazamento como no acceso ás aulas. Como ven sendo habitual en todos os procesos nos que prestamos apoio, tanto os temarios, como as instrucións escritas para o exame e outra documentación de apoio para o proceso selectivo foi adaptado por técnicos da Federación e validado por grupos de persoas con discapacidade intelectual formados en lectura fácil, unha metodoloxía que garante a accesibilidade cognitiva do colectivo.