O Comité de Entidades representantes de persoas con discapacidade de Galicia (CERMI Galicia) celebrou esta mañá un acto para dar a coñecer o Manifesto con motivo do Día Da Discapacidade, que se celebra mañá venres 3 de decembro.
O Manifesto deste ano, que foi lido por Encarna Rodeiro, da asociación ASPAS, xunto cunha usuaria da FAXPG, pon o foco na necesidade de renovar o artigo 49 da Constitución Española de 1978, que se refire ás persoas con discapacidade como "diminuídos". Esta é a principal reivindicación que a plataforma da discapacidade resalta nun manifesto, sinalando que é necesario actualizar o artigo porque nin a terminoloxía empregada nin o contido están aliñados coa visión plena de dereitos humanos, a única abordaxe admisible en relación coa discapacidade.
No acto tamén participou a conselleira de Política Social, Fabiola García, quen destacou que “o apoio da Xunta á discapacidade tradúcese no maior investimento da historia nos orzamentos do 2022. Os fondos destinados a este ámbito ascenderán aos 141,7 millóns de euros, un 12,5% máis que no ano actual”.
Sinalou ademáis que “para que todas as persoas teñan a oportunidade de gozar, de ser distintas, de ser iguais, de ensinar, de superar ou de sumar é preciso contar cunha administración á altura, cun tecido asociativo forte que coñeza as necesidades das persoas con discapacidade” e tamén “é preciso trasladarlle á sociedade que ningunha persoa é igual a outra e que todos temos capacidades diferentes que nos fan diversos e iguais”, afirmou. Fabiola García apuntou que a Xunta deposita no tecido social galego toda a confianza por demostrar cada día que coñecen á perfección as necesidades das familias e persoas con discapacidade. Neste sentido, lembrou que no próximo ano reforzarase esta colaboración ao incrementarse nun 65% os fondos do 0,7% do IRPF ata os 10 millóns de euros e ao crearse 280 novas prazas de atención, que permitirá chegar ás 5600 prazas en toda Galicia.
Erradicar falsos estigmas
Durante a súa intervención, a conselleira tamén resaltou que é preciso erradicar todos aqueles falsos estigmas que aínda seguen circulando na sociedade sobre as persoas con discapacidade, por exemplo a sobreprotección ou infantilización. Tamén convidou a empregar a terminoloxía idónea. “Non existen persoas diminuídas, existen persoas con dereitos e con necesidades”, sinalou en referencia ao artigo 49 da Constitución que as entidades levan anos demandando modificar.