A Facultade de Psicoloxía de Santiago, acolleu este venres o “15º Seminario sobre discapacidade intelectual e saúde mental”, organizado por FADEMGA Plena inclusión Galicia, coa colaboración do Grupo de Traballo de Trastornos Mentais e/ou alteracións de conduta. A Subdirectora Xeral de Atención Primaria do SERGAS, Sinda Blanco, destacou durante a inauguración da xornada a posición do Seminario “que se afianza cada ano como punto de reunión e intercambio dos avances na atención ás persoas con discapacidade intelectual”.
A Subdirectora destacou igualmente os datos recollidos no Plan galego de saude mental post Covid 2020-2024 “na nosa Comunidade Autónoma están afectadas por problemas de saúde mental 44.965 persoas, o que supon que un 14,6% da poboación total con esta discapacidade recoñecida. De aí a importancia de proxectos como o de DISECMAS, por razóns tanto cualitativas como cuantitativas, así como pola influencia directa na vida das persoas e das súas familias e na forma en que prestamos os servizos de saúde. Por unha banda, de non contar cunha diagnose xenética das causas non poderemos previr e intervir nelas de forma adecuada. Por outra banda, adaptar os recursos de forma personalizada ás necesidades de cada persoa, segue a ser un dos grandes retos da sanidade actual”.
O presidente da Federación Eladio Fernández quixo destacar a necesidade de visibilizar o trastorno dual “lástima ter que vivir unha pandemia, para que Administración, medios de comunicación e a sociedade en xeral puxeran o foco nesta problemática que durante tanto tempo foi invisible, máis se cabe no caso dos trastornos duais. Neste sentido, sería inxénuo pensar que a crise sanitaria non supuxo un antes e un despois na realidade da saúde mental no noso país”.
O presidente rematou esperando que a próxima Lei de Saúde Mental “contemple maiores políticas de prevención, máis ferramentas para que o Sistema de Saúde poda dar unha atención máis persoalizada e de maior calidade así como unha maior promoción da formación a profesionais”
Finalizada a inauguración tomou a palabra o Doutor Anxel Carracedo, Catedrático da Facultade de Medicina da USC, para presentar o proxecto de investigación biomédica sobre as bases xenéticas da discapacidade intelectual, despois da primeira achega que se realizou o pasado mes de outubro para as familias participantes. Tal e como afirmou, a orixe da discapacidade intelectual ten unas bases xenéticas moi importantes e é moito máis frecuente do que a xente poda pensar. Unha das grandes sorpresas que levamos foi ver a gran cantidade de familias que, en pleno século XXI estaban sen diagnosticar, cando o diagnóstico é vital, pois se a causa da discapacidade é xenética, significa que pode ser herdable, e polo tanto que se pode previr. A xente ten dereito ao asesoramento do Consello Xenético, pois é unha parte da Carteira de Servizos Común do noso Sistema Nacional de Saúde”.
:: A saúde mental e discapacidade intelectual
Habitualmente, as persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento presentan unha maior prevalencia de trastornos psiquiátricos e de conduta. A detección dos mesmos adoita resultar complexa, e en moitas ocasións aplícanse tratamentos que non son eficaces, o que repercute na diminución da súa calidade de vida, ameaza a estabilidade familiar e mesmo a súa permanencia nos centros de atención aos que acoden. Mellorar esta situación é obrigación de todas as Administracións e do noso Movemento Asociativo, para o cal poñemos en marcha esta nova xornada.
En FADEMGA Plena inclusión Galicia contamos co “Grupo de Traballo sobre Trastornos Mentais e Alteracións de Conduta” que reúne periódicamente a profesionais de toda a comunidade. Trátase de profesionais que traballan na abordaxe de casos concretos de difícil intervención, así como na procura de colaboración coa Administración e con outros traballadores do ámbito sociosanitario, sempre co fin de conseguir avances no eido dos trastornos duais.