O presidente de FADEMGA Plena inclusión Galicia, Eladio Fernández, acompañado polo xerente e varios directivos da Federación, reuníronse o pasado martes coa Conselleira de Política Social, Fabiola García, co fin de abordar os temas de maior urxencia e actualidade para o colectivo de persoas con discapacidade intelectual.
Entre os asuntos máis prioritarios, no eido da crise da COVID-19, Conselleira e Federación abordaron a urxente necesidade de habilitar unha partida económica que axude ás entidades a asumir os sobrecustes derivados da aplicación dos protocolos da pandemia, así como a situación actual na que se atopa o Plan Estatal de Vacinación de cara a administrar a 3ª dose ás persoas que se atopan nos centros residenciais de persoas con discapacidade intelectual.
O novo modelo residencial tamén estivo presente neste encontro, recollendo a Conselleira a proposta da Federación para a posta en marcha dunha Mesa de Traballo na que se definan as liñas principais deste novo modelo de atención.
Finalmente, o réxime de concertos sociais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a revisión salarial debido á previsión de incremento por mor da actualización do XV Convenio colectivo en 2022, así como a serie de proxectos e programas presentados pola Federación tanto para a vindeira convocatoria do 0`7% do IRPF como para a dos Fondos Sociais Europeos (entre os que destaca a creación da oficina en lectura fácil) foron outros dos temas que estiveron sobre a mesa.