Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

A Conselleira de Emprego e Igualdade María Xesús Lorenzana e o seu equipo de traballo, reuníronse esta semana coa Xunta Directiva da nova Patronal Galega da Discapacidade Intelectual e do Desenvolvemento, AEDIGAL, co fin de coñecer de preto as liñas de traballo da mesma.

O presidente da patronal, Eladio Fernández, acompañado de directivos de AEDIGAL deulle a coñecer á Conselleira e ao seu equipo de traballo os principais temas de actualidade que afectan aos 3 piares principais dos servizos prestados polo colectivo: emprego, educación e servizos sociais. Igualmente expresaron as inquedanzas das entidades membro, entre os que se atopa o impacto da actualización do Salario Mínimo Interprofesional no sector da discapacidade intelectual ou o efecto da subida salarial prevista para 2022 na negociación colectiva.

Pola súa banda, a conselleira expresoulle aos directivos a noraboa pola iniciativa de crear esta nova patronal manifestando a súa vontade de contar con AEDIGAL como principal interlocutora. Finalmente, a patronal tamén presentou algún dos seus principais obxectivos entre os que destacan, entre outros, a asistencia técnica e xurídica ás entidades, a promoción e fomento da responsabilidade social, a elaboración de actividades e plans de formación para os seus asociados co fin de fomentar a aprendizaxe organizacional e as competencias directivas e profesionais necesarias así como a reivindicación, defensa, representación e xestión dos intereses económicos e socio-laboráis das empresas que a integran.