Despois de reiterados contactos con Xunta de Galicia, Consellería de Sanidade e Ministerio, o colectivo de persoas con discapacidade intelectual usuarios de centros de día e ocupacionais segue sen ser unha prioridade para a vacinación.
A pesar de que a semana pasada o Ministerio de Sanidade, dacordo coas Comunidades Autónomas, aprobaba a Estratexia 8 de vacinación, onde se recolle expresamente “A vacinación das persoas a partir de 12 anos de idade (ano de nacemento 2009 ou anterior) en situación de gran dependencia e aquelas en centros de persoas con discapacidade intelectual, centros tutelados e centros de educación especial” o colectivo continúa a ser ignorado polas autoridades sanitarias.
Por todo elo, reiteramos unha vez máis o noso desexo de que se priorice de maneira moi urxente a vacinación destas persoas usuarias de centros de día, centros ocupacionais e servizos especializados. Se ben ata agora a argumentación para non vacinar a este colectivo foi que non estaba incluido na estratexia de vacinación marcada polo plan nacional, entendemos que esto xa non e impedimento. Con todo, queremos transmitir a nosa queixa, decepción e gran incomprensión por deixar a este colectivo fóra da vacinación ata agora.
Estamos a falar de persoas que en moitas ocasións contan con patoloxías asociadas e/ou dificultades para o uso de máscaras e que dende o inicio da pandemia veñen soportando (e seguen a soportar) grandes limitacións moi superiores ao resto da poboación: dende o peche dos centros, á cancelación de terapias, actividades e servizos así como a obriga de seguir relacionándose en grupos burbulla.
E todo elo, mentres para o resto da poboación continúan a relaxarse estas medidas. A esta situación súmanse os grandes sobrecostes que están a soportar as entidades; unha contía económica que no que levamos de ano supera xa os 600.000 euros en reforzo de persoal e limpeza entre outros. Medidas todas elas que as entidades están obriga de tomar para dar cumprimento aos protocolos impostos pola propia Consellería de Sanidade.
Por todo elo, dende a Federación Galega de Asociacións de Persoas con Discapacidade Intelectual esperamos que o colectivo sexa vacinado de forma inmediata, correxíndose así esta situación.