35 persoas con discapacidade intelectual das provincias de A Coruña e Pontevedra participaron este martes 29 e mércores 30 de xuño nas probas de Competencias Clave que tiveron lugar na sede de FADEMGA Plena inclusión Galicia.
Estas persoas son usuarios/as das asociacións federadas de ASPABER (Carballo), ACEESCA (Porriño) e Centro JUAN MARÍA (Nigrán), dos Servizos de Información e Orientación Laboral de FADEMGA de Vigo e Santiago e tamén da asociación non federada AMARAI (Boimorto).
Acadar estas competencias permitiríalles poder realizar cursos para desempregados promovidos pola Consellería de Emprego e Igualdade. Ditas probas tamén estarán adaptadas para garantir a igualdade de oportunidades do noso colectivo, como por exemplo: letra máis grande, ampliación de tempo, instrucións por escrito,.....
:: A importancia das Competencias Clave
As Competencias Clave aseguran ás persoas con discapacidade intelectual adquirir os coñecementos necesarios para facer cursos de formación obtendo Certificados de Profesionalidade, posto que para poder acceder a determinados certificados deben ter acadadas as Competencias Clave ou a ESO.
Estas competencias comprenden un conxunto de contidos xerais de formación básica en diferentes áreas do coñecemento, segundo as necesidades ou esixencias de cada certificado de profesionalidade das formacións para desempregados. Está previsto que nas vindeiras convocatorias, FADEMGA Plena inclusión Galicia continúe coa súa colaboración coa Consellería de Emprego e Igualdade para a realización destas probas de xeito adaptado.