Arturo Parrado Puente, Director Xeral de Inclusión Social da Xunta de Galicia, Rosa María Hurtado Taboada, Xefa do Servizo de Atención ao Paciente, Luciano Fernández Pintor, Presidente do CERMI Galicia, e Fernando de Andrés Alonso, Secretario Xeral da Valedora do Pobo acompañaron este luns ao presidente de FADEMGA Plena inclusión Galicia Eladio Fernández Pérez na inauguración da xornada de presentación da “Guía de Servizos de Emerxencia Social en lectura fácil”, destinada a ofrecer en linguaxe claro e accesible os diferentes recursos que as persoas con discapacidade intelectual en risco de exclusión social poden atopar na Comunidade.
En palabras do presidente da Federación “Moitas veces traballamos como se fosemos entidades estanco, cando axudar a mellorar a vida de calquera persoa implica unha atención integral que parte dende múltiples campos: se todas as entidades do terceiro sector fomentásemos o noso traballo en rede melloraríamos en boa medida os apoios que prestamos”.
Por outra banda, o Director Xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado Puente, subliñou “o compromiso da Xunta de Galicia para seguir traballando xuntos en ámbitos tan importantes como a inclusión social e a accesibilidade, pois é importante que os servizos sexan accesibles para todos especialmente para as persoas con menos recursos. Ogallá pronto todos os documentos podan ter o logotipo azul da lectura fácil pois iso significará que continuamos avanzando nunha Galicia máis igualitaria e inclusiva”.
Igualmente o Director de Inclusión Social da Xunta tamén destacou “o espírito de colaboración institucional do programa “Collendo impulso”, un programa financiado pola Xunta de Galicia a través do 0,7 do IRPF. É importante subliñar neste sentido, que este ano vamos a contar a través dos fondos do IRPF con 20,7 millóns de euros en Galicia, que nos van a permitir continuar con programas orientados á igualdade, á integración sociosanitaria así como ao fomento de servizos sociais que apoien aos nosos maiores, persoas con discapacidade e infancia, así como traballando pola inclusión social e cobertura das necesidades básicas de tódalas persoas”.
Finalmente, o presidente do CERMI Galicia, Luciano Fernández, destacou o compromiso da entidade para conseguir a inclusion plena, “algo que soamente se pode conseguir se exercemos os nosos dereitos con plenitude. Neste caso, un dos dereitos básicos que debemos garantir é o dereito á información, e o documento que hoxe presentades pode ser unha ferramenta moi útil para este fin”.
As intervencións das autoridades foron seguidas dunha pequena achega á discapacidade intelectual e as súas implicacións así como ao traballo de FADEMGA Plena inclusión no eido social e a importancia de fomentar a accesibilidade cognitiva en tódolos ámbitos