Despois de reiterados contactos con Xunta de Galicia, Consellería de Sanidade e Ministerio de Sanidade o colectivo de persoas con discapacidade intelectual usuarios de centros de día e ocupacionais segue sen ser unha prioridade para a vacinación
Galicia, xunto con Madrid e Castilla León son as 3 únicas CC.AA que non priorizan a este colectivo
Dende FADEMGA Plena inclusión Galicia continuamos a solicitar ao Presidente da Xunta á Consellería de Sanidade e ao Ministerio que se priorice de forma moi urxente a vacinación de todas aquelas persoas con discapacidade intelectual usuarias de centros de día, centros ocupacionais e servizos especializados.
Trátase dunha reivindicación que mantemos dende o pasado mes de xaneiro, despois de sucesivas cartas enviadas tanto ao presidente da Xunta como ao Conselleiro de Sanidade e ao Ministerio de Sanidade, quenes argumentaron que a estratexia de vacinación que se está seguir ven marcada polo plan nacional que están obrigados a cumprir.
Así e todo, Galicia é a única Comunidade Autónoma xunto con Madrid e Castela e León que non priorizou a este colectivo que continúa sen vacinar e, en vista dos feitos, (como ten pasado nas restantes comunidades) de existir vontade política levar a cabo esta vacinación é posible.
Tamén lle recordamos á Xunta de Galicia que estamos a falar de persoas que en moitas ocasións contan con patoloxías asociadas e mesmo con dificultades para o uso de máscaras e que dende o inicio da pandemia veñen soportando limitacións moi superiores ao do resto da poboación: dende o peche dos centros, ás tremendas limitación de terapias, actividades e servizos así como a obriga de seguir relacionándose en grupos burbulla. Situacións que ademáis continúan a xerar una serie de importantes sobrecostes ás entidades.
O pasado venres 28 de maio enviamos novamente dous escritos tanto á presidencia da Xunta como á Consellería de Sanidade coa nosa reivindicación, da que seguimos sen ter resposta a día de hoxe.