Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

O Director Xeral de Xustiza D. Juan José Martín Álvarez, o Subdirector Xeral D. Rafael Juanatey Mayan e a Vicepresidenta de FADEMGA Plena inclusión Galicia, Dna. Carmela González Lagarón, asinaron este martes a renovación do Convenio que garante a continuidade dun proxecto pioneiro na nosa comunidade, mediante o cal se adaptarán a lectura fácil as sentenzas que afectan a personas con discapacidade intelectual e persoas con maiores problemas de comprensión lectora.

Dito Convenio, que daba inicio no ano 2019, tamén inclúe a adaptación de documentación xurídica que a Administración de Xustiza incorporará á súa intranet, tanto en galego como en castelán, para que tódolos xulgados galegos teñan acceso. Entre as novidades que inclúe a renovación desta colaboración, detaca a ampliación do proxecto a 10 xulgados máis así como a adaptación da documentación para as oficinas de atención á vitima.

:: Barreiras no acceso á xustiza

A falta de tempo para explicarse, a linguaxe excesivamente técnica ou a falta dunha información clara e en termos que podan comprender son algunhas das barreiras que se atopan as persoas con discapacidade intelectual e as súas familias cada vez que inician algún procedemento xudicial. Con este proxecto, FADEMGA Plena inclusión quere asegurar que a información xurídica que reciben tódalas personas con discapacidade intelectual e as súas familias sexa accesible e poda ser comprendida fácilmente.

Unha iniciativa coa que nos unimos a outras comunidades como Asturias (pioneira na implantación desta medida), Andalucía ou La Rioja, que tamén están a traballar na incorporación desta metodoloxía para facer accesible a información de ámbito xurídico

:: A lectura fácil

A Lectura Fácil forma parte dunha idea máis ampla de accesibilidade cognitiva, destinada a que as persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento poidan acceder á información e á comprensión da súa contorna. Na actualidade hai unha gran multiplicidade de iniciativas onde FADEMGA Plena inclusión colabora como son proxectos na contorna xornalística (con revistas en Lectura Fácil), cultural (información de museos, obras de teatro, adaptación de novelas e clubs de lectura) e tamén do ámbito social (publicacións sobre prevención da violencia de xénero) e sanitario (información ao paciente).

:: Linguaxe fácil, non infantil nin simplista

As normas básicas da Lectura Fácil consisten en usar oracións simples e curtas, coa estrutura de suxeito+verbo+complemento, escribir de modo directo, limitar o número de ideas, dar preferencia á voz activa sobre a pasiva e recorrer sempre ao mesmo sinónimo. Igualmente, evitanse os tecnicismos, a linguaxe figurada, os tempos verbais do subxuntivo e o condicional, as oracións impersonais e complexas, as abreviaturas e siglas, o punto e coma, os puntos suspensivos e os incisos que rompen a continuidade.