Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

A campaña nace para sensibilizar á sociedade sobre as vantaxes dunha vida independente e en comunidade para as persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento sen fogar


‘A mellor vacina contra a COVID-19 é ter un fogar’. Baixo este slogan, Plena inclusión, Fogar Si e Provivenda, unimos forzas para lanzar hoxe en redes sociais a campaña #QueroAsMiñasChaves (#QuieroMisLlaves).

Trátase de reivindicar o acceso a unha vivenda digna e elixida como un dereito fundamental, que na actualidade é de moi difícil acceso para centos de miles de persoas.

“No noso país perviven modelos marcados por unha tradición asistencial, que entenden que unha institución convértese na mellor e única alternativa de vida para estas persoas, sobrentendendo que nese lugar van estar máis protexidas, seguras e mellor coidadas”, lembra o manifesto asinado por Plena inclusión, Fogar Si e Provivenda, no que se solicita ás administracións públicas que valoren a capacidade de xerar cambios fundamentais nas vidas das persoas que teñen os modelos de pisos de vida independente e en comunidade. 

Tras a experiencia rexistrada nalgúns centros durante a crise sanitaria, defendemos un cambio de modelo que abandone o asistencialismo e potencie a participación e a vida independente das persoas na comunidade, sempre contando cos apoios necesarios. Con todo, cabe destacar que o modelo de apoios personalizados viuse máis lexitimado dende moitas organizacións que co seu apoio están a facelo posible. E fronte ao peso de modelos de atención institucionalizados, apréciase unha maior conciencia sobre a necesidade de transitar cara a sistemas de apoios na comunidade, tal e como defende a Convención de Nacións Unidas de Dereitos das Persoas con Discapacidade.

As principais reivindicacións cara ás administracións públicas son:

- Que se invistan máis fondos públicos en propostas de vida independente e vivendas na comunidade, onde as persoas poidan desenvolver un proxecto de vida elixido.

- O deseño, adopción e aplicación de estratexias integrais de desinstitucionalización, que veñan acompañadas de apoios e axudas coas que garantir, de forma estable e permanente o dereito de todas as persoas a decidir sobre como queren vivir.

- Iniciativas dende o Goberno do Estado, dende as comunidades autónomas e os concellos que promovan novas políticas de fomento e construción de vivenda pública a prezos alcanzables para que o acceso a este ben fundamental para unha vida digna sexa máis sinxelo para todas as persoas.

Máis información: https://quieromisllaves.plenainclusion.org/