Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

No noso compromiso de ofrecer cultura accesible para tódalas persoas, o Centro Dramático Galego (CDG) e FADEMGA Plena inclusión Galicia retomamos a nosa colaboración a través da obra “O charco de Ulises”.

Dende a Federación estivemos a adaptar o programa da obra de teatro a lectura fácil, de forma que sexa máis comprensible para o colectivo de persoas con discapacidade intelectual. Pola súa banda, o Centro Dramático Galego ofrecerá o vindeiro domingo día 24, unha representación da obra dirixida a todo tipo de persoas con discapacidade: haberá mais espazo para cadera de rodas, lingua de signos, audiodescrición e facilitarase o programa adaptado a lectura fácil.

Refórzase así o compromiso do teatro público facilitando o acceso aos seus espectáculos a colectivos ou persoas que precisan de tratamentos e atencións especiais para gozar do teatro.

Accesibilidade cognitiva e lectura fácil. Que son? A accesibilidade cognitiva inclúe un conxunto de solucións que fan máis fáciles e comprensibles as contornas, produtos, servizos, tecnoloxías e contidos. A accesibilidade cognitiva inclúe solucións para mellorar a sinalización, a orientación e a localización de edificios. Falamos de lectura fácil para referirnos a adaptación de textos para persoas con dificultades de comprensión, e propostas para mellorar a usabilidade, navegación e localización nas páxinas web.

A Accesibilidade Cognitiva ten un escaso desenvolvemento no noso país, e non foi ata que as persoas con discapacidade intelectual conseguiron maior exercicio dos seus dereitos cidadáns, cando se falou das súas dificultades de acceso a produtos e servizos; ou de participación na vida política e pública.

A obra “O charco de Ulises”

O charco de Ulises sitúa o clásico de Homero nun contexto transatlántico. A trama do texto escrito por Cortegoso en 2010, dentro do programa Iberescena e nos talleres de dramaturxia do CDG, discorre en paralelo á Odisea, xerando un diálogo co mito orixinal para tratar o fenómeno da emigración galega cun marcado compoñente poético.

Ulises permanece errante durante dez anos viaxando de illa en illa, vivindo aventuras inesquecibles, entre suculentos banquetes e fermosas mulleres. A idea do regreso á patria non o abandona nunca, pero a súa vida non había transcender se non saíra dela.

Así, a proposta muda Ítaca por Galicia, Troia por Buenos Aires e o Mediterráneo polo Atlántico. Fran Paredes e Inés Salvado Gontad encarnan os papeis de Ulises e Penélope, encabezando un elenco que completan outros oito actores e actrices: Óscar Allo, Miguel Borines, Mónica Camaño, Rosalía Castro, Raquel Espada, Manuel Millán, Chusa Pérez de Vallejo e Paulo Serantes, ademais do músico Xosé Lois Romero.

 

** Os horarios poden ser susceptibles de modificación no caso de que se establezan novas restricións por motivos sanitarios.