A Federación galega de persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento (FADEMGA Plena inclusión Galicia) fai realidade dende hoxe un proxecto longamente perseguido polo Movemento Asociativo: a creación da patronal galega da discapacidade intelectual (AEDIGAL) que nace co fin de reivindicar, defender, representar e xestionar os intereses económicos e socio laborais da entidades sen ánimo de lucro que a integran no ámbito autonómico de Galicia.
Despois da Asemblea previa celebrada o pasado mes de setembro, -onde as asociacións acordaron a creación desta patronal- hoxe oficializouse a súa constitución, quedando integrada por un total de 24 entidades galegas máis a propia Federación.
Nesta reunión constitutiva tamén quedou definida a comisión xestora formada por Eladio Fernández, (presidente), Marcelo de la Cruz, (secretario), Ramiro Fernández Rey (tesoureiro), e José Manuel Carballo Cabezas, Juan Fontela e Javier García como vogais.
En palabras do presidente da nova patronal, Eladio Fernández “a creación desta patronal é esencial para que podamos manter o nivel de representatividade que temos. Trataríase dunha asociación patronal que engloba xa dende a súa creación a preto de 1.100 traballadores, co firme compromiso de ampliar esta base a corto prazo”.
O presidente tamén quixo recalcar que “as familias, somos os representantes legais das entidades e non se nos pode excluir. Por eso vemos a necesidade de crear esta patronal, promovida polas nosas asociacións. Estamos a falar de entidades que non teñen ánimo de lucro e que na súa maioría contan coa declaración de utilidade pública”
Entre os fins desta nova asociación, estará o de apoiar ás entidades membro nos procesos de cambio necesario para o cumprimento da Convención de Nacións Unidas dos Dereitos das Persoas con Discapacidade, cambiar o sistema de negociación colectiva, representar ás empresas que a integran ante a Administración Pública, contribuír a un marco de relacións laboráis equilibrado e xusto entre empresas e traballadores ou apoiar ás entidades no proceso de creación, mantemento e mellora do emprego así como en todo tipo de procesos que permitan a súa mellora contínua.