A Xunta de Galicia ven de publicar a convocatoria para a elección provisional de destino para os aspirantes con discapacidade intelectual que superaron as oposicións de persoal funcionario subalterno da Administración Xeral galega, prazas reservadas en exclusiva para este colectivo.
Coa oferta dos novos destinos -todos eles próximos aos lugares de residencia dos aspirantes- a Xunta cumpre o seu compromiso de evitar o desarraigo social e familiar do colectivo, ao tempo que prestará os apoios necesarios en cada caso para una correcta adaptación ao novo posto, así como a formación previa á toma de posesión; todo elo en estreita colaboración coa nosa Federación. Un dos docentes que prestará esta formación tamén será un empregado público con discapacidade intelectual que no seu día obtivo praza co apoio de FADEMGA na primeira convocatoria reservada pola Xunta de Galicia ao colectivo.
:: Éxito dunhas oposicións que seguen abrindo camiño á inclusión laboral das persoas con discapacidade intelectual
Do total de 24 prazas que se ofertaban nesta convocatoria de oposicións, 23 foron parar a persoas con discapacidade intelectual que recibiron apoios de FADEMGA Plena inclusión Galicia, un novo motivo de satisfacción para a Área de Emprego e Formación da Federación, que dende o ano 2011 ven loitando polo acceso ao Emprego público das persoas con discapacidade intelectual. Un camiño que percorremos en estreita colaboración coa Administración, co gallo de posibilitar a maior adaptación, deseño e posta en marcha dos procesos selectivos para o colectivo, ao tempo que promovemos a elaboración de materiais adaptados a lectura fácil que posibiliten que tódalas persoas teñan acceso á información.
Pois tal e como recolle o artigo 27 da Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade das Nacións Unidas, os Estados deben recoñecer o dereito destas persoas a traballar en igualdade de condicións ao resto, así como gañarse a vida cun traballo en contornas laborais que sexan accesibles e inclusivos.
Dende FADEMGA Plena inclusión Galicia continuaremos a promover a elaboración de políticas económicas e plans de desenvolvemento que permitan crear oportunidades de traballo decente, así como un crecemento máis sólido e inclusivo que sen dúbida contribuirá a diminuír as desigualdades e equiparar oportunidades para tódalas persoas.