Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

FADEMGA Plena inclusión Galicia ven de celebrar o pasado sábado a súa Asemblea Xeral de socios, onde quedou aprobada a constitución da patronal galega da discapacidade intelectual: un proxecto longamente perseguido pola Federación que agora verá a luz, e cuxo fin será a representación e defensa dos dereitos e intereses das entidades que traballan na atención ás persoas con discapacidade intelectual e ás súas familias.

Despois dunha Asemblea informativa previa celebrada o pasado mes de xullo, onde as asociacións mostraron o seu interese na creación desta asociación, o sábado aprobábase por unha maioría 33 votos a favor, 8 en contra e unha abstención a creación da nova patronal baixo o amparo da Federación. En palabras do presidente de FADEMGA Plena inclusión Galicia, Eladio Fernández “a creación desta patronal é esencial para que podamos manter o nivel de representatividade en institucións e organismos públicos e privados. Trataríase dunha asociación patronal que englobaría a máis de 1.300 traballadores dos 3 sectores prioritarios da atención á discapacidade intelectual: atención directa, centros especiais de emprego e centros de educación especial”.

O presidente tamén quixo recalcar que “as familias somos os representantes legáis das entidades e non se nos pode excluir. Por eso vemos a necesidade de crear esta patronal, promovida polas entidades de familias de persoas con discapacidade intelectual, a través da que traballaremos para cambiar o sistema de negociación colectiva, xa que estamos a traballar con convenios que nos marcan os sindicatos integrados por educación pública, que non teñen nada que ver co noso sector. Entre os principais obxectivos desta patronal destacará a negociación colectiva autonómica ou a creación dun sector propio da atención á discapacidade intelectual”.

:: Novos proxectos e aprobación de contas

Durante a Asemblea tamén quedou aprobada por unanimidade a Memoria, Balance e auditoría de contas de 2019 así como o Plan de Acción e orzamento do 2020, un ano marcado pola crise da COVID-19, que está a afectar o habitual funcionamento de moitos dos programas da Federación, deixando tamén espazo para abordar a realidade das diferentes entidades durante estos meses de pandemia: dende o aprovisionamento de material hixiénico, pasando polos centros de educación ou realización de PCR a usuarios.

 

FADEMGA Plena inclusión Galicia, Federación de asociacións a favor das persoas con discapacidade intelectual, conta na actualidade con 7.982 socios e 116 centros ubicados polas catro provincias galegas nos que traballan un total de 1.389 profesionais co apoio de 1.231 voluntarios.