Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

Contaremos coa profesional Lara Arribas, coach especializada en discapacidade intelectual.

O programa, previsto inicialmente para os meses de maio e abril, retoma as súas actividades presenciais en Santiago, Lugo, Ourense e Vigo.

Santiago de Compostela, 16 de xullo. Unha vez superado o confinamento e dentro da nova normalidade, FADEMGA Plena inclusión Galicia comeza a retomar o pulso dos seus programas. Un dos que volve con forza é “Collendo impulso” a través do que a Federación presta apoio a persoas que se atopan en risco de exclusión social, coa finalidade de elaborar un plan de vida persoalizado que os axude a lograr unha inclusión social axeitada, sempre cun enfoque integral, que busca obter resultados a medio e longo prazo.

Aínda así, “Collendo impulso” non parou durante o confinamento, xa que estivo a prestar apoio a persoas con discapacidade intelectual en risco de exclusión social proporcionándolles artigos de primeira necesidade, así como cubrindo os seus gastos de aluguer.

:: Xornadas de convivencia.

As actividades presenciais do programa comezan hoxe en Santiago de Compostela, onde concentraremos 4 sesións en dúas convivencias: os días 16 e 17 de xullo na casa rural O Fogar do Selmo en Rois e os días 5 e 6 de agosto na Casa da Terra en Antas de Ulla. O grupo de persoas con discapacidade intelectual da zona de Ourense tomará o relevo de Santiago, tamén con 4 sesións de coaching os días 21 e 28 de xullo e os días 3 e 10 de agosto nun espazo cedido pola Confederación de empresarios de Ourense. A estas sesión uniranse posteriormente as zonas de Lugo e Vigo. FADEMGA Plena inclusión Galicia, Federación de asociacións en favor das persoas con discapacidade intelectual, conta na actualidade con 40 entidades galegas federadas que prestan servizo a 4.409 persoas con discapacidade intelectual, e 8.269 socios.