Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

Como cambiou a vida das persoas con discapacidade intelectual e as súas familias co coronavirus?

E a súa educación?

Usan a tecnoloxía?

Que pasa coas que viven nas residencias?

Que ocorreu co seu emprego? Teletraballan?

Cal é a situación das mulleres con discapacidade?

E das persoas con discapacidade intelectual que están no cárcere?...

 

As persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento tamén sofren o coronavirus. Sabemos que máis de 150 morreron nas residencias de Plena inclusión. Outras persoas perderon a familiares e tamén coñecemos casos de persoas que sobreviviron á enfermidade. A maioría acudía a actividades de organizacións e na comunidade que agora non poden facer. Son elas e as súas familias as que agora se responsabilizan de continuar coas actividades que antes facían na comunidade ou nos seus centros.

Por exemplo, a educación é un dos asuntos que máis están a preocupar. Os centros educativos pecharon, pero estiveron a enviar tarefas para realizar en casa a través de ferramentas tecnolóxicas. A falta de accesibilidade da tecnoloxía e a escaseza de recursos das familias con persoas con discapacidade intelectual provocan que moitas destas persoas estean a quedarse aínda máis excluídas na educación.

Para analizar estas diferentes realidades, a Confederación Plena inclusión ven de elaborar un material en lectura fácil que dá unha visión global de como a crise do COVID-19 afectou á vida das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento –que inclúe a persoas con trastorno do espectro autista e persoas con parálise cerebral- e as súas familias, profesionais e voluntariado.

O material revisa a situación de forma breve en diferentes campos: accesibilidade, centros penais, educación, emprego, entidades, muller, residencias ou tecnoloxía... e pode ser útil para dar unha visión global da situación ás propias persoas con discapacidade intelectual e as súas familias, pero tamén para sensibilizar á sociedade.

Descarga aquí o dossier.