Despois do anuncio feito esta fin de semana polo presidente do Goberno sobre o endurecemento das medidas de confinamento asociadas ao estado de alarma, tanto a Federación FADEMGA Plena inclusión Galicia como as entidades federadas continuamos prestando atención ás persoas con discapacidade intelectual e ás súas familias dado que se trata dun servizo considerando como esencial no apartado 9 do anexo da Real Decreto-lei 10/2020, do 29 de marzo.
Tódalas entidades con servizo de vivendas e residencias continúan traballando a pleno rendemento a pesar das situacións de dificultade que afrontan como a falta de material, e tanto o resto de entidades como a propia Federación tamén continuamos prestando os apoios e servizos máis esenciais para o colectivo (cambiando a modalidade de prestación de servizos dada a limitación de actividades).
Neste sentido, a pesar de que continúan suspendidas as actividades grupais presenciais así como a atención directa nas nosas oficinas, a Federación continúa prestando actualmente atención telefónica e telemática en horario de 9 a 15 horas.
Así mesmo, tamén continuamos cun retén de respiro familiar para casos necesarios e de urxencia, impartindo clases de oposicións e formación de maneira telemática, facendo seguimento a persoas reclusas e exreclusas con discapacidade intelectual e poñendo ao dispor daquelas persoas que o precisen o noso servizo de asesoría xurídica.
:: APOIO E COLABORACIÓN COA ADMINISTRACIÓN
Durante estas semanas a Federación e as entidades tamén estivemos colaborando coas Administracións poñendo tódolos nosos recursos dispoñibles ao dispor da Xunta: frota de vehículos adaptados e non adaptados, apoio en consecución de material, espazos dispoñibles en residencias, persoal de reforzo, derivación de voluntariado… así como localizando aprovisionamento de equipos de protección para o persoal e as persoas atendidas, tentando así apoiar o sobreesforzo que están a facer as propias entidades e servizos de vivenda.
Neste sentido, desde FADEMGA Plena inclusión Galicia queremos destacar e agradecer o traballo esencial que están a facer todos os e as profesionais do sector e reclamamos a necesidade urxente de dotar a estas persoas traballadoras dos equipos de protección necesarios que permitan continuar prestando atención coas máximas garantías, así como a aplicación dos test rápidos que permitan anticiparse ao risco de contaxio nos centros e actuar con rapidez, sen poñer en risco a seguridade dos profesionais e polo tanto a daquelas persoas ás que atenden.
Igualmente, queremos agradecer ao persoal de tódolos servizos esenciais: limpeza lavandería, persoal de mantemento, persoal de atención directa e por suposto a cada unha das persoas con discapacidade intelectual e as súas familias que están a facer posible superar esta situación, a pesar das tremendas dificultades para a convivencia e estabilidade emocional, ou mesmo para cubrir as necesidades máis básicas.