Santiago de Compostela acolle a inauguración desta exposición sobre mulleres con discapacidade intelectual empoderadas
A Concelleira de Política Social do Concello de Santiago, María Milagros Castro, a Directora Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, Cristina Pichel, a xefa do Servicio de Inclusión e Orientación Educativa Natividad Bouzas Carneiro, o presidente do CERMI Galicia Iker Sertucha, e a vicepresidenta de FADEMGA Plena inclusión Galicia Carmela González Lagarón, inauguraron este venres a exposición de fotografías 'Eu, ti, elas', unha galería formada por varias imaxes, a través das que se mostrará o paralelismo que existe entre as mulleres con discapacidade intelectual na conquista de dereitos individuais con algunhas das grandes mulleres que conseguiron importantes fitos na historia.
A vicepresidenta da Federación Carmela González, quixo destacar a necesidade de reivindicar referentes femininos “Se neste momento é tan necesario reivindicar o papel de grandes mulleres que fixeron historia para conseguir alcanzar unha igualdade real, imaxinade o importante que é para unha muller con discapacidade intelectual, que conta con menos referentes, e que ademáis debe loitar contra unha triple discriminación: ser muller, ter discapacidade e que dita discapacidade sexa intelectual”. A vicepresidenta tamén quixo recordar a necesidade de dar voz “a aquelas mulleres especialmente vulnerables, como mulleres con grandes necesidades de apoio, mulleres que non poden representarse a si mesmas, ou mulleres do ámbito rural” para finalizar facendo un alegato para promover un cambio de actitudes na familia “que libere ás mulleres con discapacidade intelectual da especial sobreprotección que sofren fronte ao resto de membros da familia, moito máis acusada que a dos homes con discapacidade intelectual”.
Pola súa banda o presidente do CERMI Galicia Iker Sertucha, quixo “facer fincapé na necesidade de manter estas reivindicacións os 365 días do ano, máis aló de que se conmemore o Día da Muller nunha determinada data”, mentres que Cristina Pichel Directora Xeral de xuventude da Xunta de Galicia reivindicou a necesidade de “traer ao presente esta realidade, que moitas veces é pouco coñecida para a sociedade. Soamente así este será un éxito compartido para tódalas mulleres”.
A concelleira de Políticas Sociais de Santiago, Mila Castro, finalizaba a quenda de intervencións destacando que “como mulleres, debemos seguir reivindicando a Igualdade real, e debemos facelo todas unidas cunha soa voz, fronte a aquelas ideoloxías que cuestionan o feminismo e os dereitos conquistados nas últimas décadas. Soamente así seremos capaces de conseguir unha sociedade íntegra, solidaria, igualitaria e por suposto repectuosa. E nese camiño debemos estar todas: eu, ti e elas”.
A inauguración da exposición finalizou coa lectura do Manifesto con motivo do Día da Muller, que este ano se centra na necesidade de erradicar a esterilización forzosa e de informar ás mulleres con discapacidaed dos seus dereitos.
:: Horarios de visita
A exposición exhibirase no Centro Abanca Obra Social, Praza de Cervantes (Santiago de Compostela) durante os días 6 e 7 marzo O horario de visita será de 16:00 a 21:30 horas o día 6 e de 10:00 a 20:00 horas o 7 de marzo. A mostra está concebida con espírito itinerante e durante 2020 percorrerá diferentes localidades da comunidade.