Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

No último mes, un total de 46 persoas con discapacidade intelectual que recibiron apoios da federación conseguiron praza na Administración, o que supón un 83% sobre o total de prazas ofertadas

FADEMGA Plena inclusión Galicia celebra os bos resultados obtidos polas persoas con discapacidade intelectual que recibiron formación e/ou apoios a través da nosa Federación para os diferentes procesos de acceso ao emprego público na nosa comunidade.

Por unha banda, das 30 prazas convocadas polo SERGAS (Servizo Galego de Saúde), 25 foron para usuarios/ as do servizo de emprego de FADEMGA (23 recibiron formación de FADEMGA, e 2 recibiron apoios puntuais)

A distribución de por provincias destas prazas queda da seguinte maneira:

- Coruña: 15

- Lugo: 5

- Pontevedra: 2

- Ourense: 2

Por outra banda, neste último mes coñecemos tamén os resultados do proceso de selección da Xunta de Galicia para a categoría de ordenanza. Das 24 prazas convocadas, 21 foron para usuarios/ as do servizo de emprego de FADEMGA (20 persoas recibiron formación e unha persoa recibiu apoios puntuais).

A distribución de por provincias destas prazas queda da seguinte maneira:

- Coruña: 12

- Lugo: 1

- Ourense: 3

- Vigo: 5

Detrás destes grandes resultados atópase o traballo do noso Servizo de emprego e formación, que conta con máis de 20 anos de experiencia fomentando o emprego entre o colectivo de persoas con discapacidade intelectual. Desde o ano 2011, cando a Administración Xeral do Estado publicaba a primeira convocatoria específica de emprego público para persoas con discapacidade intelectual, o noso Servizo de Emprego e Formación ofrece unha minuciosa preparación dos aspirantes, co obxectivo de potenciar as habilidades de cada persoa con discapacidade intelectual.

Trátase dun apoio integral: dende a adaptación dos temarios, a impartición de clases, o apoio personalizado a cada aspirante e por suposto unha estreita colaboración coas diferentes Administracións.

Precisamente a través desta estreita colaboración coa Administración, dende a Federación ofrecemos as pautas e a supervisión para que a adaptación da información e os exames se ciñan á normativa de Lectura fácil establecida por Inclusion Europe e pola IFLA (Federación Internacional de Institucións Bibliotecarias) e para que se garanta a igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade intelectual no acceso ao emprego público, asegurando que o proceso selectivo se celebra con plena normalidade.

Tamén facilitamos as instrucións escritas para o exame, a plantilla de respostas e outra documentación de apoio adaptada por técnicos da Federación e validada por grupos de persoas con discapacidade intelectual formados nesta metodoloxía de accesibilidade cognitiva.

Desde FADEMGA felicitamos a todas as persoas que conseguiron a súa praza na Administración e animamos a todas as demais a continuar formándose para futuros procesos selectivos.