O Centro Abanca Obra Social, acollerá os próximos 6 e 7 de marzo a exposición de fotografías 'Eu, ti, elas', unha galería formada por varias imaxes, a través das que se mostrará o paralelismo que existe entre as mulleres con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento na súa conquista de dereitos individuais con algunhas das grandes mulleres que conseguiron importantes fitos na historia.
Exemplos de mulleres con discapacidade intelectual que loitan a diario por conseguir estar e ser incluídas na sociedade, do mesmo xeito que xa o fixeron outras mulleres ao longo da historia.
Este proxecto, nacido en Estremadura, chega agora a Galicia organizado por FADEMGA Plena inclusión en colaboración coa Xunta de Galicia, Plena inclusión Estremadura, e o Instituto da Muller de Estremadura. Unha iniciativa na que participaron quince mulleres con discapacidade intelectual: Estefanía Pacheco, Rosa María Chamizo, Sheila Claudia Torvisco, Ángela María Jiménez, Ángela Rodríguez, María Casado, Sara Alegre, Magdalena Sierra, María Luisa Sierra, María Dolores Rejano, Alicia Santiago, Josefa Núñez, Marta Monzón, Cristina Gallego e Laura García.
A exposición recrea fotografías de mulleres que fixeron historia no ámbito da cultura, a política, a ciencia ou a reivindicación dos dereitos da muller. Trátase de protagonistas como Frida Kahlo, Eva Perón, Marie Curie, ou Rigoberta Menchú.
A mostra exhibirase no Centro Abanca Obra Social, Praza de Cervantes (Santiago de Compostela) os próximos 6 e 7 de marzo.
O horario de visita será de 16 a 21:30 horas o día 6 e de 10:00 a 20:00 horas o 7 de marzo.
Trátase dunha exposición concibida con espírito itinerante e durante 2020 percorrerá diferentes localidades da comunidade.
:: Inauguración
Previa á apertura ao público, a Federación celebrará o dia 6 un acto de inauguración no mesmo centro de Abanca, onde se lerá o Manifesto con motivo do Día da Muller, seguido dunha mesa de experiencias, acto que terá lugar en horario de 10:00 a 12:30 horas.