Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

A Asociación Autismo Ourense en colaboración coa produtora “Contracorriente Films” e a empresa “Coruña films Galicine en Ponte Vella”, colabora na preestrea benéfica da película “ESPECIAIS” dirixida polos directores Eric Toledano e Olivier Nakache, que xa realizaron a película “INTOCABLE”.

ESPECIAIS como INTOCABLE, ten como pano de fondo a discapacidade, neste caso o Trastorno do Espectro Autista ( TEA) con maior afectación. A película transmite esperanza e, sobre todo, optimismo para seguir crendo no ser humano. Porque ESPECIAIS son os mozos cun Trastorno do Espectro Autista aos que retrata a película pero ESPECIAIS son tamén os heroes cotiáns das asociacións e organizacións que chegan onde non chegan as administracións públicas.

A película recolle a vida duns mozos con TEA e experiencia duns profesionais que traballan con eles. Unha visión desta realidade dende as dúas vertentes a das persoas con TEA e a dos profesionais que interveñen abordando as dificultades que presentan e desde unha intervención humana e chea de emocións, e onde a sociedade tamén ten a súa propia percepción desta realidade.

En definitiva é unha película necesaria e debería ser unha ferramenta para dar visibilidade non só sobre o TEA senón a calquera tipo de discapacidade e as situacións que xeran (dependencia, solucións para familias de recursos económicos limitados, inclusión laboral,…) así como aproveitar o seu visionado para poñer en valor o encomiable traballo que realizan asociacións e organizacións a nivel local.

A preestrea benéfica será o xoves 27 ás 17:45 en Galicine Pontevella (Ourense).Alí uns minutos antes da película teremos unha pequena presentación e agradecementos aos colaboradores.

A recadación solidaria da venda das entradas a 4 € será para un proxecto social da entidade Autismo Ourense, un Programa de Lecer e Tempo Libre. Tamén ofrecemos a posibilidade de colaborar a través dunha fila cero (ES03 2080 5251 4430 4015 0938).