O noso Grupo de traballo sobre trastornos de conduta e/ou alteracións da saúde mental, formado por profesionais na atención ás persoas con discapacidade intelectual de toda Galicia, celebrou a primeira reunión anual orientada a facer balance das actividades do pasado ano e poñer en común novas propostas e casos de abordaxe para 2020.
Durante o encontro, o grupo puido facer un repaso polos casos abordados ata agora, así como polos principais fitos entre os que cabe destacar o proxecto Aténdeme-Enténdeme, un proxecto de mellora da atención nas consultas de medicina primaria ás persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento, onde o grupo destacou o interese e boa acollida que está a ter a iniciativa, así como os novos “aliad@s” que se están a xerar entre o persoal médico involucrado.
Neste sentido, os asistentes destacaron a importancia de “crear vínculos entre o persoal sanitario e as entidades que traballan con persoas con discapacidade intelectual en cada zona, facilitando a visibilidade e sensibilidade necesarias”.
Entre as actividades futuras, o Grupo comezou a traballar na organización da futura Sesión Clínica e do XIV Seminario da discapacidade intelectual e saúde mental que FADEMGA Plena inclusión organizará nos vindeiros meses, así como en diferentes accións de análise e avaliación da accesibilidade cognitiva en centros de saúde e/ou hospitais para a detección de barreiras e a súa eliminación.
Non faltaron tampouco as novas iniciativas como o pilotaxe Con Bos apoios, proxecto a desenvolver no CAPD de Redondela para mellorar a atención das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento que presentan alteracións de conduta ou problemas de saúde mental. Neste sentido, a Federación pretende facilitar que as Administración públicas competentes, a través de recomendacións, lexislen os mínimos normativos para unha boa atención deste colectivo tan espeífico. Trátase de que as prazas se axusten ás necesidades e características que presentan estas persoas, dando tamén resposta ás necesidades de formación e actualización manifestadas polos profesionais do centro.
QUE É O GRUPO DE TRABALLO E QUE FAI: O Grupo de Traballo é un equipo multidisplinar formado por voluntarios de diferentes disciplinas (psicólogos, traballadores sociais, pedagogos, psiquiatras,…) e de distintas localidades, con ampla experiencia na atención a persoas con discapacidade intelectual.
O grupo traballa a través de dúas liñas de actuación principais:
1) O estudo de casos. Calquera entidade pode derivar casos de difícil intervención para o seu estudo e abordaxe polo Grupo en colaboración con profesionais da mesma. Dende o Grupo estúdanse e valóranse os casos derivados, para posteriormente orientarlles no tipo de intervencións e apoios que poden levar a cabo.
2) Buscar a implicación da Administración. O traballo do grupo tamén se centra na procura de colaboración coa Administración e profesionais do ámbito sociosanitario (psiquiatras das Unidades de Saúde Mental do SERGAS e demáis profesionais vinculados) co obxecto de conseguir avances en todo o que se refira ás persoas con trastorno dual Intentase buscar a implicación dos profesionais pertencentes ao ámbito sociosanitario.