Máis de 200 alumnos de FADEMGA Plena inclusión Galicia prepáranse para asistir este domingo ao exame para persoal subalterno que a Xunta de Galicia convoca en exclusiva para o noso colectivo.
O presidente da Federación, Eladio Fernández, quixo destacar a gran representatividade de FADEMGA á hora de preparar aos aspirantes a esta praza “das 500 persoas con discapacidade intelectual que se presentarán o sábado ao exame da Xunta de Galicia, 354 están vinculadas á Federación e máis de 200 formáronse connosco durante meses nas clases de preparación de oposicións que ofrecemos nas 4 provincias. En FADEMGA Plena inclusión traballamos co obxectivo de potenciar as habilidades de cada persoa con discapacidade intelectual e ofrecemos material adaptado a lectura fácil, o que lles facilita os alumnos a comprensión e o estudo do temario”.
Por outra banda, o presidente destacou tamén o apoio integral da Federación, non só durante o proceso de preparación das probas “tamén se prestan apoios para a inserción e adaptación efectiva ao posto de traballo e a contorna laboral dos traballadores con discapacidade intelectual. Ademais, levamos a cabo un seguimento do desempeño da actividade laboral que inclúe formación continua en competencias instrumentais, transversais e laborais”
:: Ofrecendo as oportunidades e os apoios adecuados a cada persoa
O Servizo de Emprego e Formación de FADEMGA Plena inclusión Galicia conta cunha experiencia de máis de 20 anos, desenvolvendo actuacións orientadas a fomentar o emprego das persoas con discapacidade intelectual, así como o apoio a todas aquelas que xa o teñen e queren mantelo, xa que o emprego é un factor crave para a inclusión social deste colectivo. FADEMGA Plena inclusión Galicia, Federación de asociacións en favor das persoas con discapacidade intelectual, conta na actualidade con 40 entidades galegas federadas que prestan servizo a 4.409 persoas con discapacidade intelectual, e 8.269 socios.