Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

Qué nos move a transformar as nosas entidades e a maneira de traballar para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e as súas familias? Como facemos este cambio? Como podemos continuar avanzando?

Co obxectivo de reflexionar sobre este proceso de transformación nos modelos de atención, FADEMGA Plena inclusión Galicia celebrou hoxe a primeira xornada “Transformándonos: compartindo proxectos, xerando oportunidades” orientada a coñecer estes novos proxectos, a compartir retos, dificultades e plantexar novos obxectivos de cara a ofrecer a mellor atención posible para as persoas con discapacidade intelectual e familias.

:: Os proxectos de transformación

Actualmente, estanse a desenvoler en Galicia un total de 23 proxectos de microtransformación así como novas metodoloxías de traballo mediante pilotaxes en Apoio Activo, Apoio Condutual Positivo, Planificación Persoal por Adiantado, Asistencia Persoal ou Transición á vida Adulta.

Transformar os servizos para que se centren nas necesidades de cada persoa con discapacidade intelectual e cada familia, é un dos obxectivos da federación. “Dende FADEMGA traballamos dende hai anos na idea de que cada persoa está no centro de todos os recursos, servizos e apoios que as organizacións poñemos á súa disposición para facer reais os seus plans individuais de vida” tal e como asegurou a vicepresidenta da federación, Carmela González, durante a inauguración da xornada.

Neste sentido Sofía Reyes, (profesional da Confederación que achegou hoxe as experiencias doutras comunidades en materia de transformación de servizos) explicou que “non se pode falar de transformación de servizos, se non transformamos as asociacións”. “Os modelos cambian, as organizacións cambian e as administracións por tanto tamén deben cambiar”. Actualmente, o conxunto de redes, entidades e servizos que ofrecen apoio ás persoas con discapacidade intelectual está a asistir a unha profunda reflexión e transformación froito das últimas investigacións sobre os modelos de discapacidade, apoios e calidade de vida, e as esixencias que marcan os dereitos das propias persoas con discapacidade. “Hai que traballar para cada persoa”.

Ante esta afirmación, Sofía Reyes recalca que “nas organizacións pódense facer as cousas doutra maneira” e reflexiona sobre o seguinte, “non temos que preguntarnos se a persoa é capaz, senón se eu son capaz de darlle os apoios que necesita”. “Necesitan vidas plenas fronte a vidas planas”, engade.

O proxecto de transformación dos servizos está moi ligado á calidade e concretamente cara á calidade de vida, á calidade de apoios e servizos centrados nas persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento desde organizacións centradas nas persoas, por tanto centradas en valorar os resultados das persoas e o seu benestar.

Exemplos diso xa hai nas distintas entidades de FADEMGA Plena inclusion Galicia que están a poñer en marcha accións para cambiar as cousas en torno ao emprego, o lecer, a vida independente ou a educación, entre moitos outros ámbitos.