Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

 

A asociación Juan XXIII acolleu a presentación do novo modelo de emprego e formación dual para persoas con discapacidade intelectual, un modelo que nace orientado a superar as grandes taxas de desemprego do colectivo, así como a baixa cualificación profesional.

En definitiva, trátase dun cambio na visión do centro ocupacional, flexibilizando o paso do centro ao emprego mediante a formación dual.

A colaboración e o traballo conxunto entre a Consellería de Economía, emprego e industria, a federación FADEMGA Plena inclusion Galicia, Juan XXIII e asociacións como ACEESCA, ou ASPABER entre outras, fan posible que se poña en marcha esta experiencia piloto que marque o camiño futuro para moitas outras entidades da discapacidade intelectual na nosa comunidade.

Tal e como aseguraba o Conselleiro de Economía, Emprego e Industria Francisco Conde López durante a primeira xornada informativa sobre este modelo que organizaba FADEMGA Plena inclusión en 2017, “a economía evoluciona moi rápido, e nos últimos anos están a aparecer novos perfís profesionais que requiren de habilidades que antes non se precisaban. Ante esta realidade temos que reaccionar. Este é un dos motivos que fai que a formación dual adquira un maior protagonismo e por iso temos que seguir traballando desde a Administración, coa Federación, as asociacións e implicando tamén ao tecido empresarial”.

:: O novo modelo de ocupación - emprego e formación dual

FADEMGA Plena inclusion Galicia vén apostando por este novo modelo de emprego e formación desde o ano 2015, cando a federación da man de Juan XXIII e a entidade balear de AMADIP ESMENT comezou a traballar na posta en marcha do proxecto. Dous anos despois, FADEMGA organizaba unha primeira xornada de aproximación, na que participaban directivos, xerentes e profesionais de 27 entidades da discapacidade intelectual galega, así como profesionais da Administración e de AMADIP ESMENT.

Este novo modelo, xa foi asumido pola patronal do sector “ AEDIS” e oriéntase cara a unha mellora da cualificación das persoas con discapacidade intelectual, apuntando cara a un sistema flexible, vinculado ao sistema educativo, e que expón unha avaliación continua das circunstancias da persoa, con mecanismos de tránsito ou retorno entre servizos.

O presidente de FADEMGA Plena inclusión Galicia Eladio Fernández Pérez, quixo destacar a forte aposta que FADEMGA Plena inclusión fixo desde o principio por esta metodoloxía “que pode facilitar a igualdade de oportunidades formativas e laborais das persoas con discapacidade intelectual en Galicia e con outros colectivos. Un modelo que xa está a funcionar con éxito nas Illas Baleares, a través da Entidade AMADIP- ESMENT, que está a comezar a implantarse noutras Comunidades e que esperamos poida ter o mesmo impacto en Galicia”.