Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

Plena inclusión España está a elaborar un estudo sobre a situación da poboación con discapacidade intelectual reclusa (ou exreclusa) que cumpre medidas de privación de liberdade.

Este informe baséase nas respostas dadas por 367 persoas deste colectivo que están ou estiveron en centros penais de 14 comunidades autónomas e Ceuta a un cuestionario de 241 preguntas. O movemento asociativo que traballa con preto de 120.000 persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento, desenvolve desde hai 32 anos proxectos de apoio a estas persoas, na actualidade en 71 centros penais.

Os resultados deste exhaustivo traballo, presentaranse o próximo 19 de xuño no ‘Encontro estatal sobre acceso á xustiza e axustes de procedemento para persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento’, que se celebra na Rioja. As xornadas, organizadas por Plena inclusión España e por Plena inclusión La Rioja, contarán coa presenza de Andrés Jiménez, responsable da área de Seguridade e Xustiza do Defensor do Pobo.

Esta institución presentou onte o seu informe anual cunha separata na que facía múltiples propostas sobre medidas específicas dirixidas a garantir mellor os dereitos das persoas recluídas con discapacidade intelectual.

FALTA DE ACCESIBILIDADE Á FORMACIÓN

Plena inclusión recoñece como un avance as peticións formuladas polo Defensor do Pobo en aspectos fundamentais como a proposta de que se cren espazos fóra das prisións, nos que as persoas con discapacidade intelectual poidan cumprir as penas ou medidas de seguridade ás que fosen condenadas. Desde o movemento asociativo que representa a 925 entidades que traballan con este colectivo en todo o Estado apóiase a demanda da oficina que preside Francisco Fernández Marugán respecto a a necesidade de garantir unha atención especializada nas prisións liderada por organizacións da sociedade civil.

O Defensor do Pobo denuncia que este traballo debe contar co adecuado apoio económico do Estado, unha axuda que se viu seriamente recortada nos últimos anos como consecuencia da crise económica. Actualmente, Plena inclusión atende a case 1.700 persoas deste colectivo no marco do seu programa de intervención. Pero onde Plena inclusión pon o acento é na urxencia de que se convertan a ‘lectura fácil’ os contidos formativos e os programas de intervención que se desenvolven nos centros penais para facelos accesibles á poboación recluída con discapacidade intelectual.

Para Enrique Galván, director de Plena inclusión, “moitas persoas con discapacidade intelectual ven vulnerado o seu dereito á formación, que é unha peza crave no camiño á súa futura reinserción na súa comunidade, porque os seus contidos non están adaptados e non resultan comprensibles. E esta carencia debería solucionarse”. E prosegue: “24 anos de experiencia intervindo en prisións aválanos á hora de reclamar a urxencia destas adaptacións que abrirían o camiño a estas persoas para gozar dunha vida mellor”.