O Centro Obra Social Abanca de Santiago de Compostela acolleu este martes a xornada ‘As mulleres e nenas con discapacidade á luz da Convención Internacional dos Dereitos das Persoas con Discapacidade’, un tratado de obrigado cumprimento por parte de todos os países que o ratificaron, entre os que se atopa España.
O encontro, organizado polo Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade de Galicia (CERMI Galicia) coa colaboración da Fundación CERMI Mulleres e da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta, pretende sentar as bases para profundar na situación das mulleres e nenas con discapacidade e para avanzar na defensa dos seus dereitos e a igualdade de oportunidades.
A apertura da xornada correu a cargo da secretaria xeral de Igualdade da Xunta, Susana López, e do presidente de CERMI Galicia, Iker Sertucha, quen sinalou que, “a pesar de todo o que se avanzou, aínda queda moito por facer para acabar con todas as formas de discriminación que aínda sofren as mulleres con discapacidade, que se agravan cando conflúen outros factores como residir na contorna rural”.
Posteriormente, desenvolveuse a mesa ‘A situación das mulleres e nenas con discapacidade en Galicia: principais demandas’, onde Dolores Portela, profesional de FADEMGA Plena inclusion Galicia, abordou a triple discriminación que sofren as mulleres con discapacidade intelectual, un colectivo que sofre en maior medida tódalas situacións de desigualdade que reivindica o feminismo: situación laboral precaria e salarios máis baixos, menos oportunidade de formarse e acceder a postos relevantes, maior posibilidade de sufrir agresións e abusos e menor de poder denuncialos, maior dificultade para gozar libremente da súa sexualidade, afectividade e maternidade, e un longo etcétera de barreiras e obstáculos para a súa igualdade efectiva.